33 ASPIRANTES PASAN O PRIMEIRO EXAME PARA SER MESTRXS COMPOSTEIRXS EN RÉXIME INTERINO NOS ‘CONCELLOS REVITALIZA’
Hai 15 prazas dispoñibles para Vilaboa, A Guarda, Illa de Arousa, As Neves, Bueu, Cangas, Gondomar, Mancomunidade do Morrazo, Mondariz, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Tui e Valga
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vén de publicar as notas das persoas participantes no primeiro exercicio da oposición-concurso para ser mestras e mestres composteiros nos ‘Concellos Revitaliza’. Na primeira proba, consistente nun test, pasaron o corte 33 persoas que conseguiron unha puntuación mínima de 37,67 puntos sobre un total de 60 unha vez xa descontadas as penalizacións polos erros. O vindeiro xoves, en tres quendas, todas as e os aspirantes aprobados deberán pasar a entrevista persoal e despois serán valorados os seus méritos de formación e laborais.
Segundo subliñou o deputado delegado do Plan Revitaliza, Uxío Benítez, é de destacar o alto nivel das persoas presentadas, xa que amosaron un grande coñecemento da materia, o que garante o bo traballo futuro unha vez estean incorporados nos municipios, o que debería ser realidade a mediados do mes de marzo.
As persoas que pasen todas as probas pasarán a formar parte dunha bolsa de emprego coa que se cubrirán os postos solicitados por varios concellos da provincia, tanto para atender os seus centros de compostaxe comunitaria como outros labores relacionadas coa compostaxe. Poderán elixir destino en función da súa puntuación, sendo os municipios interesados en dispor de persoal propio para levar adiante o seu plan de compostaxe son Vilaboa (que solicita dúas prazas), A Guarda, Illa de Arousa, As Neves, Bueu, Cangas, Gondomar, Mancomunidade do Morrazo, Mondariz, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Tui, e Valga (que solicitan subvención para unha praza).
A Deputación facilitará a contratación do persoal necesario aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial non só realizando a proba selectiva que está en marcha estes días, senón tamén outorgando subvencións económicas para afrontar o pago dos salarios. A liña de axudas en marcha é xa a segunda, tendo xa outorgado na primeira convocatoria incentivos para dar traballo a trece mestras e mestres composteiros.
Neste caso, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou a finais do pasado ano as subvencións por 359.716,50 euros para este ano 2020 (10 meses e 0 100% da subvención do soldo de cada posto), 179.858,25 euros para o 2021 por valor do 50% do salario a recibir por cada mestre ou mestra composteira e 107.914,95 para o 2022 que supoñen o 30% dos salarios, facendo un total de 647.489,70 euros nos tres anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario