15 de feb. de 2020

DEPORTES

Na XIII Gala do Deporte 

A Guarda recoñece os méritos dos seus deportistas 

Foto de familia cos deportistas galardoados, autoridades e membros do xurado da XIII Gala do Deporte
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Centro Cultural da vila acolleu na noitiña de onte venres día 14 de febreiro de 2020, a XIII edición da Gala do Deporte, organizada polo Concello de A Guarda.

 Neste evento, que foi presentado polo xornalista Terio Carrera, recoñecéronse os diferentes logros e méritos deportivos acadados durante o pasado ano polos deportistas, clubs e as entidades deportivas da Guarda, poñendo así en valor o traballo, esforzo e compromiso das numerosas persoas que forman parte do ámbito deportivo local. 


Vista parcial da platea do Centro Cultural da vila nun momento da actuación dos compoñentes do club Flic Flac


 A XII Gala do Deporte arrancou cunha exhibición de ximnasia acrobática que realizaron compoñentes do Club Flic Flac, de Vigo. 

 O acto contou coa asistencia do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez Díaz; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; así coma unha representación da corporación municipal, colectivos, asociacións e veciños da vila. 

Mª Montserrat Magallanes fíxolle entrega dun agasallo a José Ignacio Prades, adestrador do Mecalia Atlético Guardés


 O adestrador do Mecalia Atlético Guardés, José Ignacio Prades Pons, fixo de padriño desta concorrida XIII Gala do Deporte da Guarda, na que se proxectou un vídeo-resumo do deporte na vila, destacando as principais modalidades deportivas.  

 Terio Carrera anunciou as primeiras distincións da noite para a modalidade de Natación, con diplomas para Rosalía Soler Lomba, campioa galega en 50m libres junior e campioa galega en 50m e 100m de costas e 50m bolboreta absoluta, e a Iago Soler Lomba, campión galego en 100m de costas, 100m libres, 4x100m estilos e 4x100m libres alevín.  

 En Deporte Adaptado entregáronse diplomas ao equipo de natación 4x50 do Club Polideportivo San Xerome Emiliani, formado por Celia López Camacho, Maite Barros, María F. García e Nuria Pereira, campioas galegas 4x50 Com +15F e ao equipo de baloncesto feminino San Xerome, campioas da Liga FGDA.  

 Na modalidade de Judo foron recoñecidos Tecla María Cadilla Acevedo, campioa galega absoluta -63kg; Verónica Pérez Pacheco, campioa galega cadete e junior -52kg e 3ª Súper Copa de España Junior; Iago Álvarez Lomba, campión galego cadete -73kg e ao equipo feminino do Club Judo Baixo Miño, campioas da Liga Galega de Clubs.  

 Na mellor iniciativa deportiva recoñeceuse o labor realizado na Baixo Miño Enduro Experience.  

 En Atletismo Escolar os diplomas recaeron en Álex Sierpes Pereira, campión galego sub 12 de marcha en roteiro, campo a través, 1.000m pista cuberta, 2.000m, 1km ruta e no Campionato de Galicia Menores; e Marcela Morgado Rodríguez, 2ª nos Campionatos Galegos sub 16 en 1.000m e 1km ruta e 3ª no Campionato Galego de campo a través.  

 Na modalidade de Atletismo na categoría de adultos recoñeceuse con diplomas aos deportistas Milu Rodríguez Baz, campioa galega 3.000m marcha W-40 e 5.000 marcha en pista W-40; a Eduardo García Fernández, subcampión galego M-40 en 800m; a Sergio Rodríguez Teixeira, campión galego absoluto en 400m pista cuberta; e a Antolín Martínez Martínez, 3º no Campionato galego de Trail Longo.  

 Deseguido, recoñeceuse cos premios Dedicación ao Deporte, o labor que veñen desenvolvendo Daniela Savic, Mariano Hernán Carbone, Beatriz Estévez Álvarez e Fabio Lima Correa, que traballan no balonmán base.

 En Triathlon fíxoselle entrega dun diploma a Roberto Martínez Trigo, 9º no Campionato do Mundo de triatlón de longa distancia 35-39.  

 Na modalidade de Atletismo e mushing, José Carlos Ferreira González foi galardoado polo seu palmarés coma campión galego M-45 en 3.000m pista cuberta, 5km ruta e 10km ruta e 3º no Campionato de España veterán de Canicross. 

 O club Unión Deportiva Guardesa F.F. recibiu tamén o seu diploma, por haber acadado o título de campioas da Liga Feminina F-7.  

 Na categoría de Hockey recoñeceuse a varios integrantes do club A Guarda Hockey Liña, coma Sheila Silva Besada, Tomás Gutiérrez Majó e Alejandra Lorenzo Martín, participantes coa Selección Galega de Hóckey no Torneo de Tecnificación de Seleccións e a José Miguel Fernández Lomba, polos 10 anos da fundación do club A Guarda Hóckey Liña e por ser membro do corpo técnico da Selección Galega de Hóckey.  

 En remo entregáronse diplomas a Óscar Alonso Alonso, campión de España absoluto de remo ergómetro e a Nieves Silva Martínez, campioa galega infantil de remo ergómetro.  

O alcalde Antonio Lomba, con Elsa Pena e Terio Carrera


 A atleta Elsa Pena Vicente tamén recibiu o seu diploma por haberse proclamado campioa galega sub 18 de 3.000m lisos e subcampioa de Europa júnior de Triathlon Indoor.  

 Para pechar esta XIII edición da Gala do Deporte na Guarda o alcalde, Antonio Lomba destacou que “os veciños e veciñas da Guarda, sentímonos orgullosos dos nosos deportistas e dos nosos clubs, de vós; da nosa gran familia do deporte que tantas alegrías nos dá e nos convirte nun referente en moitas disciplinas. 

 Trasládovos, unha vez máis, as miñas felicitacións e o meu orgullo, como alcalde e veciño guardés, por todos os vosos éxitos.” 

  A XIII Gala do Deporte rematou, como ven sendo habitual, coa foto de familia cos premiados, membros do xurado e autoridades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario