Unha representación da veciñanza de Camposancos xa coñece como pode ser á Senda de circunvalación ao Monte Santa Trega
• O xoves 27 de febreiro, na sede da Entidade Local Menor de Camposancos, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, presentou o anteproxecto
• O alcalde tamén informou aos presentes das xestións feitas diante da Xunta de Galicia, administración titular da estrada PO-352.
O alcalde do Concello de A Guarda, na súa intervención dando a coñecer á veciñanza, as características principais do anteproxecto de Senda de Circunvalación ao monte Santa Trega
Vista parcial do respectable público que asistiu á presentación do anteproxecto
Fotos: C.A.G.
Fotos: C.A.G.
Infogauda / Camposancos (A Guarda)
Nun acto aberto a toda á veciñanza, que se celebrou na tardiña de onte xoves, 27 de febreiro de 2020, na sede da Entidade Local Menor (ELM) de Camposancos, e que contou coa asistencia de preto de 80 veciños e veciñas de Camposancos, entre as cales estaba á presidenta e vogais da referida ELM, e coa presencia do concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, Miguel Ángel Español Otero, e a técnica responsable da empresa que redactou este anteproxecto; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz presentou o anteproxecto da Senda de Circunvalación ao Monte Santa Trega.
Como estaba previsto, Antonio Lomba explicou aos asistentes as características da devandita proposta que contempla unha actuación na totalidade da PO-352 que non conta con beirarrúas, tanto polo lado Oeste (A Cruzada-Camposancos) como no lado Leste (desde Camposancos ata intersección coa estrada PO-355, que conduce á Pasaxe), consistente nun ancheamento da calzada de rodadura e a construción dunha senda, para facela máis segura para os peóns e os vehículos.
Na súa intervención Antonio Lomba Baz referiu: "(...) dende a alcaldía da Guarda, foron moitas as ocasións, unhas por carta e outras persoalmente, nas que se lle reclamou á consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia o ancheamento da calzada e a construción dunha senda peonil e un carril bici. Por citar algunhas das ultimas xestións:
· 7 de novembro de 2017, reunión en Santiago de Compostela, do alcalde Antonio Lomba coa conselleira Ethel Vázquez, acadando o compromiso da conselleira de redactar o proxecto.
· 26 de decembro de 2018, reunión en Pontevedra, do alcalde Antonio Lomba, co director da Axencia Galega Infraestruturas. Resposta do director, "a senda pode entrar dentro dun paquete no ano 2019".
· 29 de decembro do 2019, carta do alcalde Antonio Lomba á conselleira, solicitándolle unha nova entrevista. Ata o momento sen contestación".
Na reunión coa veciñanza, o alcalde puxo de manifesto que "(...) a estrada PO-352 é sen dúbida algunha, unha das principais arterias de comunicación da Guarda. Basta dicir que é a única conexión entre o casco urbano da Guarda e o núcleo da parroquia de Camposancos, que conta cunha poboación aproximada dun milleiro de persoas, amén de subliñar que conduce a todas as praias fluviais da nosa localidade, as máis visitadas na tempada estival en toda a comarca do Baixo Miño.
Cunha paisaxe moi fermosa que atrae a multitude de peóns que pasean por ela a diario, resulta fácil entender que o tráfico rodado que soporta, sobre todo en época estival, é moi considerable (...)".
O alcalde tamén afirmou que "dende o Concello da Guarda trasladarase este anteproxecto a consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, para acadar un financiamento para o mesmo e que se converta nunha realidade a curto prazo".
O termo da xuntanza constatouse "unha
valoración moi positiva deste anteproxecto, por parte dos alí presentes,
non destacando obxeccións ao mesmo e coincidindo na necesidade da
realización destas obras".
Ningún comentario:
Publicar un comentario