“AS MIÑAS RAÍCES” DO ESCULTOR OURENSÁN MOXOM, NA CASA DE GALICIA EN MADRID ATA O 28 DE FEBREIRO
O artista, como xa facía Miguel Ángel, observa atentamente cada anaco de madeira ata que descobre ao personaxe que oculta e logo quita o que sobra
Xosé Manuel Rodríguez MOXOM abrazando unha das súas obras
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu na tarde de onte o acto de inauguración da exposición de esculturas "AS MIÑAS RAÍCES", de Xosé Manuel Rodríguez, MOXOM, realizadas con troncos de madeira de diversa procedencia que grazas ao artista ourensán cobran vida e convértense en figuras cheas de encanto e personalidade propia e irrepetible. Moxom, tal como xa facía o mismísimo Miguel Ángel, observa atentamente cada anaco de madeira, descobre o personaxe que oculta, quita o que sobre e no seu caso logo humanízao cos seus pinceis e coa colaboración de Maite González, a súa dona.
Moxom, é o nome artístico que Xosé Manuel Rodríguez tomou doutro apelido seu: Mojón, e que converteu en palíndromo, tal e como explicou o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, no acto de inauguración da mostra, engadindo ademais que Moxom, natural de Ourense, como creador autodidacta iniciouse primeiro no mundo do cómic, na década dos oitenta. Posteriormente, en 1996, transformou moitos dos seus debuxos en pezas de madeira, ás que dotou de “movemento, orixinalidade e sensibilidade. Desde entón son xa unhas 2.000 as que realizou e unhas 60 as exposicións en que as mostrou”, destacou.
O coordinador de Actividades da Casa de Galicia Ramón Jiménez no acto de inauguración da exposición de Moxom
Jiménez subliñou que son pezas “cheas de encanto e personalidade, e mesmo, son divertidas”, dixo sinalando unha convertida en persoa “á que colocou os seus zapatos e todo!”.
Para o coordinador de actividades da Casa, a arte de Moxom, en realidade engloba dúas, “por unha banda o do recoñecemento da figura oculta, e por outro o de rescatala coas súas mans do bloque que a aprisiona, o de axudala a nacer á súa nova vida con mans precisas e hábiles de comadrona, no noso caso de comadrón. As figuras cobran vida grazas á súa prodixiosa intervención”. Como un demiurgo, Moxom logra resucitar a madeira e darlle unha nova vida. Jiménez destacou que as árbores son máis lonxevos que os seres humanos; unha palmeira vive unha media de 200 anos, unha oliveira 1.000, un castiñeiro pedunculado 2.000, unha secuoya xigante 6.000 e “é fascinante a arte de Moxom, que é capaz de insuflar a esa madeira unha nova alma e unha nova dimensión vital, coa colaboración da policromía de Maite, a súa muller”.
Destacou ademais que o descubrimento de formas que fai Moxom antes de proceder a traballar as pezas, ten un nome e chámase “pareidolia”. Trátase dun fenómeno psicolóxico polo que a mente identifica figuras reconocibles na Natureza. Moxom vai máis aló e o seu arte tamén.
A mostra espertou grande interese e MOXOM explicou aos asistentes algunhas peculiaridades das súas obras
Pola súa banda o artista, Moxom, tras os agradecementos explicou que iniciou a súa etapa como creador fai xa uns 20 anos, de maneira autodidacta.
“Empecei debuxando cómic, facendo ilustracións, papel maché, etc. E un día sen previo aviso os meus bosquexos trasladáronse, de forma moi rudimentaria ao principio, á madeira”, que por outra banda na súa zona era o material ao que tiña máis fácil acceso. Ademais, para Moxom trátase dun elemento moi cálido e con moitas posibilidades á hora de crear. “Como non me gusta cortar madeira viva adoito recoller o que atopo en encoros, camiños, na praia e despois míroos a ver se vexo posibilidades neles. Case sempre vexo formas que só teño que puír e facer saír á superficie. Talo o que ese pedazo de árbore ou arbusto me suxire. Despois ás veces deixo as obras naturais para destacar as súas vetas, e outras veces píntoas e doulles unha aparencia máis humana. Depende do momento e do sentimento. O importante para min é darlle a esas pezas un pouquiño de vida. Espero conseguilo”, dixo moi animado.
A exposición compóñena 18 pezas de diferentes madeiras: castiñeiro, salgueiro, breixo, bidueiro... Son madeiras recollidas en Galicia, principalmente na zona da Ribeira Sacra de Ourense. “Espero que vos gusten e vos trasladen por un ratiño polo menos a esas fragas galegas e á súa beleza natural”. Ademais “podedes facer todas as fotos que vos gusten e difundilas entre cantas persoas queirades. Cantas máis mellor”, engadiu cun gran sorriso e tomando o micrófono ofreceuse para explicar calquera dúbida que quixesen plantexarlle.
A mostra "AS MIÑAS RAÍCES” poderá visitarse na Casa de Galicia ata o 28 de febreiro de 2020; en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario