O BNG chama á participación masiva na manifestación a favor da sanidade pública
Infogauda / O Baixo Miño
O Bloque Nacionalista Galego participará na manifestación a favor da sanidade pública que terá lugar este domingo día 9 ás 12 da mañá en Compostela e fai un chamamento a toda a veciñanza do Baixo Miño a unirse a esta mobilización.
Dende a organización nacionalista estanse a organizar autobuses para facilitar a asistencia da veciñanza do Baixo Miño á manifestación en defensa da sanidade pública do vindeiro domingo. Para reservar praza nos autobuses, que terán un custe de 6 €, só é preciso que apuntarse no teléfono 679 986 290.
O Bloque Nacionalista Galego considera “imprescindible unha participación masiva nesta mobilización para deixar claro que os galegos e galegas se opoñen a seguir tolerando políticas de recortes e privatizadoras da sanidade que están a deteriorar gravemente un servizo tan básico coma a atención médica”.
Dende o BNG manifestan que “ante a redución de orzamentos, de centros, de profesionais, de camas hospitalarias, privatizacións e externalización de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados, listas de agarda disparadas, colapsos de urxencias, deterioro da atención primaria... en definitiva, ante o desmantelamento da sanidade pública galega, a resposta debe ser clara e masiva; e este domingo temos a oportunidade de visibilizar o descontento xeral con esta situación.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario