13 de feb. de 2020

A GUARDA

GONZALO CABALLERO AVANZA A SÚA “PRINCIPAL BANDEIRA”: “UN GOBERNO PROGRESISTA DEIXARÁ ATRÁS OS RECORTES DE FEIJÓO PARA APOSTAR POLA SANIDADE PÚBLICA”  

O candidato socialista apunta que “mentres eu fago fotos co presidente do goberno, Feijóo enganounos con Pemex e facía fotos cun prófugo detido onte por corrupción e suborno”  

Gonzalo Caballero, líder dos socialistas galegos e candidato á presidencia da Xunta de Galicia, acompañado polo alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba, e da tenente de alcalde, Mª Montserrat Magallanes, falando cunha médica, na concentración deste xoves, diante do Centro de Saúde da vila, na que participaron veciñas e veciños da localidade, en protesta pola carencia de suficientes medios humanos e materiais
Fotos: Cedidas


Infogauda / A Guarda

 O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, comprometeu hoxe que a defensa da sanidade pública será “a principal bandeira dos consellos da Xunta despois do 5 de abril cun goberno progresista”. Así o dixo nunha visita ao concello da Guarda, onde participou xunto co alcalde, Antonio Lomba, na concentración para reclamar o reforzo dos servizos sanitarios e a fin do “desmantelamento” da sanidade pública.  

 Dende alí, Gonzalo Caballero prometeu “mudar as políticas de recortes e privatizacións por políticas de aposta e de defensa pola sanidade pública”. Subliñou que, en 11 anos de goberno, Feijóo “recortou os servizos sanitarios, precarizou o traballo dos empregados do sector sanitario, deixou de facer investimentos en Atención Primaria, non cubriu baixas en Pediatría e permitiu que colapsaran as urxencias”.  

 Por iso, engadiu o candidato socialista, “como en tantos concellos de Galicia, cada xoves ás 12,00 hai concentracións na Guarda para defender unha sanidade pública galega de calidade para todos e para todas”. De feito, puxo este caso como “epicentro” destas protestas e do impulso para defender a sanidade pública, co exemplo da “loita en Verín para que non se pechara o paridoiro”.  
 
Gonzalo Caballero pudo comprobar como á veciñanza guardesa amosa seu rexeitamento os recortes na sanidade pública que veñen afectando aos usuarios, en xeral, e de xeito concreto, aos de A Guarda e súa contorna, ademáis doutras localidades galegas


 O líder dos socialistas galegos recolleu as demandas dos veciños e veciñas da Guarda para establecer un segundo equipo de PAC para urxencias que remate cos “problemas na atención médica porque a Xunta non dota de persoal sanitario necesario ao centro de saúde”. Tamén sinalou a necesidade de “máis servizos sanitarios, como radiografía ou atención especializada”.  

 Gonzalo Caballero recolleu tamén a “demanda histórica de infraestruturas” para A Guarda, unha localidade illada “nunha punta de Galicia” pola negativa do goberno galego a construír o corredor que conecte con Tui, que lle impide “converterse en eixo tractor do desenvolvemento”.  

“FOTOS DE FEIJÓO”  

 En paralelo, o secretario xeral do PSdeG-PSOE afeoulle a Feijóo as súas “fotos cun prófugo da xustiza detido onte por corrupción e suborno”, en alusión á detención do exdirector xeral de Pemex con quen Feijóo acordara o desembarco da petroleira en Galicia.   

 Gonzalo Caballero recordou que Feijóo utilizou a última sesión de control para criticar as súas fotos co presidente do goberno, Pedro Sánchez. “Todas as fotos que teño podo amosalas con tranquilidade, mentres quen saca fotos con Feijóo ten problemas”, contrastou.  

 “Feijóo non nos dá leccións de dignidade nin de decencia política aos socialistas galegos” que “podemos estar orgullosos do noso historial”, recalcou, e agregou que “Feijóo é quen debe explicar as súas relacións políticas e por que fixo aquelas fotos e por que nunca chegaron os 20 buques cos que intentou gañar unhas eleccións, dos que somentes chegaron dous, un deles aínda en Barreras nunha situación moi complexa”.  

 Na mesma liña, o líder dos socialistas galegos sinalou que “Feijóo non puido resolver os problemas do naval de Galicia despois de enganarnos a todos cando foi firmar contratos para traer 20 buques, e o único salientable é que os buques aínda están pendentes, pero o que si temos é unha foto de Feijóo cun prófugo detido por corrupción”.  

PACTOS DA DEREITA  

 Finalmente, a preguntas dos xornalistas, Gonzalo Caballero asegurou que “estamos como motos” de cara ás eleccións. “Nós temos todos os deberes feitos e temos a forza do cambio, e saímos a gañar e a acadar un cambio político que xubile a Feijóo”, destacou.  

 Enfrente, o candidato socialista á Xunta sinalou que “o PP está tendo moitos problemas para acordar con Vox e con Ciudadanos”, aínda que Ortega Smith xa dixera que viñan “para salvar a Feijóo”.  

 “Menudo lío ten a dereita, que vai dividida ás eleccións!”, incidiu Gonzalo Caballero, consciente de que “veñen competir entre eles para unirse despois e facer os desastres que fan en Madrid, Andalucía ou Murcia”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario