18 de feb. de 2020

A GUARDA

O BNG denuncia o peche continúo de servizos no concello da Guarda ao que se suma agora a oficina do Instituto Social da Mariña    

Montserrat Prado traslada ao sector do mar guardés  o compromiso do BNG para exixir ao goberno galego e español unha  solución á redución do horario no servizo que está a provocar graves problemas ás persoas usuarias    

A deputada Montserrat Prado Cores, acompañada do voceiro municipal, Anxo Lois Baz  Vicente e membros do BNG do Concello de A Guarda, na reunión cos representantes de diferentes organizacións vencelladas coa pesca


Infogauda / A Guarda 

 A deputada Montserrat Prado Cores, acompañada do voceiro municipal, Anxo Lois Baz Vicente e membros do BNG do Concello de A Guarda, mantivo hoxe unha xuntanza con diversas entidades vencelladas ao sector do mar para analizar a actual situación da delegación local do Instituto Social da Mariña no concello da Guarda tras a importante redución horaria do servizo.  

 Actualmente, explica a nacionalista, o cadro de persoal está formado por tres persoas  con dúas  prazas vacantes e unha terceira de baixa laboral. O servizo está a cubrirse, engade Prado, “unha vez a semana” con persoal procedente doutras oficinas poñendo en grave risco a súa continuidade e lembra que esta situación súmase a desaparición doutros servizos como a Capitanía Marítima tras o pasamento do seu titular que pasou de estar operativa todos os días a un só día cada dúas semanas.   

 Tras a reunión coa Asociación Empresarial de Espaderos Guardeses, a Confraría de Pescadores Santa Tecla, a Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) e a CIG; a deputada nacionalista trasladou o apoio do BNG ás demandas das entidades e asegurou que ao igual que os afectados, o BNG non está disposto a asumir “a crónica da morte anunciada” dun servizo que está a crear graves problemas na tramitación administrativa así como a “desprotección” e obriga de incrementar os custes e desprazamentos á cidade de Vigo. A Guarda, é unha vila mariñeira cunha importante flota de baixura, altura e marisqueo e un gran número de veciños e veciñas que dependen deste servizo para realizar as xestións preceptivas para desenvolver a súa actividade no sector do mar.   

 Dende o BNG, dixo a parlamentaria, “esixiremos ao goberno galego e ao goberno español que actúen para resolver esta situación”. A veciñanza da Guarda, recalcou non pode “perder máis servizos” e sobre todo nun sector xa afectado gravemente por outras dificultades polo que avanzou o apoio e participación do BNG nas mobilizacións para que o Instituto Social da Maríña volva a ofrecer unha atención de calidade aos usuarios e usuarias do servizo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario