"SI CANTAN ES TI QUE CANTAS"
TODA UNHA HOMENAXE DO CANTAUTOR TINO BAZ A ROSALÍA DE CASTRO
A presentación dese novo traballo discográfico será o vindeiro día 11 de xullo, no marco do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que terá lugar no porto de A Guarda
Como xa informamos aos lectores
deste xornal dixital transfronteirizo en varias oportunidades, A Guarda
acollerá do 11 ao 14 de xullo o Encontro de Embarcacións Tradicionais de
Galicia, onde ademáis da presenza de máis dun centenar de embarcacions, haberá,
entre outras actividades que iremos dando a coñecer oportunamente, concertos nocturnos que inclúen diferentes actuacións
para todo tipo de público, desde a música folk aos máis rockeiros.
Un dos protagonistas das noites musicais dese
senlleiro evento, será o cantautor guardés Tino Baz.
En decraracions a este cronista, o propio Tino
Baz díxonos: “Acabo de rematar un novo
proceso de gravación. Despois dunha longa criba de opcións posibles de volver a
gravar, decidinme por unha idea que levaba anos madurando e era a de abordar un
monográfico sobre a obra de Rosalía, dada a acumulación de poemas melodizados
que tiña gardados sobre esta autora e o desexo de tratalos musicalmente nun CD.
En síntesis é o que presentarei na Guarda o 11 de xullo, cadrando coa
apertura do evento organizado pola Asociación Cultural de Embarcacions
Tradicionais O Piueiro.
“Si cantas, es ti que cantas...” é o título
desde traballo, grabado por Baixo Miño Estudios entre marzo e maio de 2019, e
avalado no rigor literario e filolóxico por Anxo Angueira, presidente da
Fundación Rosalía de Castro”.
Coa
presentación do que é seu segundo disco, Tino Baz ofrecerá un concerto que vai
ser, con toda certeza un rotundo éxito.
Nese traballo discográfico autoproducido, de homenaxe
a Rosalía de Castro, o cantautor guardés decidiu incluir oito textos de “Follas Novas” e tres de “Cantares Gallegos” - dos que só tres
coñeceron antes outros “tratamentos melódicos”: Tecín soia a miña tea, Pra a
Habana e A xustiza pola man.
"Se
cantan es ti que cantas” leva un
limiar do filólogo e escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de
Castro e
un epílogo da autoría de Tino Baz.
No
concerto, ademáis da súa persoalísima voz, Tino Baz encargarase da guitarra e
da zanfoña, e contará tamén coa participación de Laura Quintillán (violín),
Alberte Vilas (piano) Lorenzo Chuchín (contrabaixo), Carlos Villanueva (frauta
traveseira), Nacho Álvarez (acordeón), e nalgúns temas, coa participación da
treintena de persoas que integran "Cantares do Brueiro", de Camposancos (A Guarda).
TINO BAZ: A VOZ DA MEMORIA
TINO BAZ: A VOZ DA MEMORIA
Constantino Baz Baz (A Guarda, 1972), é un cantautor
galego coñecido polo hipocorístico Tino ao que se lle engade o apelido Baz, que
herdou, tanto por parte de seu relembrado pai Constante (Tante) como da súa nai
Carmen.
Desde a súa nenez Tino Baz mostrou unha clara
disposición para a música e unha certa facilidade auditiva para cultivala,
sumadas a unha fervorosa devoción pola canción, sen dúbida herdada do seu pai e
sempre presente na contorna familiar.
Comeza a tocar a gaita aos 8 anos no Grupo
"Os Pelouros", dirixido naquela por Manuel Álvarez. E en 1983,
incorpórase o grupo "Os Petóns", fundado e dirixido por Xosé Manuel
González Peniza, gaiteiro local e profesor con recoñecida fama de bo mestre.
Coñece e participa das primeiras edicións da
Festa da Poesía do Condado, alá polos albores dos anos 80, onde sendo
neno, albiscaba un espazo cultural diferente, alí precisamente onde brotaba
unha mensaxe lírica de combate e de reinvidicacón nacional a través da palabra.
No verán de 1990, o cantautor Suso
Vaamonde fixo de ponte para que Tino Baz entrase a formar parte do grupo A
Roda, como gaiteiro, cantante e percusionista, nacendo desde aquela entre ambos
unha relación de amizade que se iría enriquecendo co paso dos anos, e que viría
ser decisiva no desarollo de Tino, como músico e cantautor. Proba diso, son as
referencias cronolóxicas e estéticas daquela voz libre dos anos 70, das que
Tino nútrese como principal fonte da poesía galega cantada. Inflúe nel,
ostensiblemente, a pegada de "Fuxan os Ventos" e concretamente "A
Quenlla", fundamentalmente a través dos compañeiros e amigos Mini e Mero.
Gaiteiro de profunda convicción e de formación
autodidacta, tivo tamén en Juan Álvarez Valladares - fillo do relembrado gaiteiro coñecido popularmente co apelativo "O Tío Lancha", anónimo pero grande
gaiteiro guardés; un bo conselleiro e informante tanto en cuestións
estéticas como na súa propia visión da nosa música popular.
Defensor a ultranza do galego, entende que é
necesario e triste a férrea postura na cuestión idiomática.
Deixa o grupo A Roda e comeza a súa andaina en
solitario alá polo ano 1997. Varias gravacións discográficas, viaxes por todo o
país, e un feixe de actuacións, avalan a súa traxectoria como membro deste
carismático grupo da música galega.
O contido do seu repertorio nas súas
actuacións é o resultado do tratamento de adaptacións de pezas populares
mesturando a palabra dos poetas. Así atopamos xunto a melodías tradicionais,
musicacions de poetas como Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Xavier Seoane,
Marica Campo, Bernardino Graña, Xosé Carlos Gomez Alfaro, Manolo Pipas,
Francisco Álvarez - Koki, ou mesmo a veciños seus que atopan na poesía unha boa
canle de expresión. Tamén musicou textos feitos por el
mesmo como os que lle adicou "A Xuliva" e a Arminda Gómez Martínez - "Arminda dos pantalons" -, entre outros.
Entre a gama de distintos instrumentos que
manexa para desenrolar os concertos, utiliza a zanfoña, a gaita, a guitarra e
distintos instrumentos de percusión.
Combina as actuacións e o campo da didáctica,
como mestre de gaita e pandeireta en diferentes lugares da comarca do Baixo
Miño. Así mesmo, no campo do ensino, ten impartido charlas e concertos
didácticos polos colexios con instrumentos populares galegos, facéndolle chegar
aos nenos unha mensaxe de carácter divulgativo e pedagóxico, do que é a música
tradicional galega. Experiencia docente que espallou por todo o país, pero
tamén por terras de Andalucía, en centros de ensino das provincias de Cádiz e
Málaga.
Convidado pola Asociación Nosa Galicia, de Géneve
(Suiza), dirixiu en novembro do 2001 un Obradoiro de Canto e Percusión Galega
para o gupo de pandereteiras Algueirada, daquela comunidade galega no país
helvético.
Participou co grupo de poesía pontevedrés
Colectivo Pindoulo, compartindo actuacións e colaborando nalgunha das pezas do
seu repertorio de representación oral. Así mesmo, e seducido pola súa vea
escénica, foi membro do Grupo de Teatro Escena Popular, da súa localidade natal,
formando parte da repartición do guión dalgunhas obras, ademáis de crear
algunhas achegas musicais.
Dirixiu na Guarda, durante un tempo, ao grupo
de pandereteiras As Batuqueiras do Trega, integrado por un conxunto de voces
femininas nas que se traballaba fundamentalmente a canción popular utilizando o
acompañamento da percusión tradicional.
Despois de compartir múltiples e variadas
experiencias co grupo de gaiteiros Treixadura, formou parte do coro de voces
Orfeón Treixadura. Neste caso concreto a raíz da gravación dunha das pezas
incluídas no terceiro disco "Unha noite non é nada", deste destacado grupo,
referencia rigorosa da música galega, de brillante e traballada traxectoria e
de calidade sólida e contrastada.
No verán do 2004, compaxinou as actuacións
como solista que o proxecto musical escénico SON DE AQUÍ, espectáculo no que se
combinaron unha serie de opcións artísticas diferentes, pero que se integraban
dentro dunha proposta multidisciplinar vencellada a realidade cultural galega
desde distintos campos nos tempos que corren. Así atopamos a Leilía, Gaiteiros Treixadura, Orfeón Treixadura, Monicreques Tanxarina e o actor Quico Cadaval, que
é quen funde en escena esta iniciativa e quen corre a cargo a tarefa das
presentacións.
Colaborou na gravacion do disco “Estremonías”
do grupo Quempallou, cantando a peza "Coplas do mercado". Tamén na
mesma altura, gravou o disco "Que nunca foi abalada", do grupo As Donicelas,
"O romance dás nove ondas".
En decembro dese ano, fixo unha visita a Cuba,
tendo a oportunidade de vivir na Habana unha fermosa experiencia coa realidade
poético musical deste grande país do Caribe. Así tivo a oportunidade de cantar
na Casa da Poesía da Habana, onde tamén estivo presente nunha homenaxe á
cantante Teresita Fernández, indiscutible artista, pedagoga e matriarca dos
cantores en Cuba. Tamén asistiu a unha homenaxe aos membros da Vieja Trova Santiaguera, no Museo da
Música da Habana, onde coñeceu de preto a distintos membros da Nueva
Trova Cubana, tales como Vicente Feliú, Augusto Blanca, Noel Nicola, e tamén a
Waldo Leiva, grandísimo poeta e letrista dos cantantes antes mencionados.
No outono do 2006, participou no proxecto O
QUIQUIRIQUÍ, para a Asociación de Gaiteiros Galegos, sobre a tradición musical
e cultural arredor do Nadal en Galicia. Trátase dun traballo discográfico
pedagóxico no que colaboran musicos e cantores galeses, de recoñecido prestixio
e de contrastada traxectoria.
Realizou varios concertos no País Vasco nunhas
actividades programadas pola Cátedra de Estudos Galegos na Universidade de
Deusto en Bilbao e en Áraba, polo Centro de Estudos Galegos, nunhas aulas de
difusión da cultura, lingua e literatura no exterior, da Facultade de Filoloxía
de ambos os centros universitarios.
No verán do 2007, estivo xunto ao grupo A
Quenlla e o cantautor Miro Casabella no circuíto cultural dos concertos VAI DE
CAMIÑO, cantando en diferentes lugares do pais.
En novembro de 2007 asistiu en Géneve ao XL
Aniversario da sociedade Nosa Galicia, onde actuou xunto ao gaiteiro Xabier
Blanco, de Moaña, e a poeta e escritora Carmen Blanco.
E tamén nese mes, estivo presente en Portugal
no Forum de Maia, nunha homenaxe ao grande cantor Zeca Afonso, no convivio
TRIBUTO AO ZECA, organizado pola Asociación Zeca Afonso, e onde Tino actuou
como representante da música galega actual. Alí cantou e fixo unha mención
especial á influencia deste histórico referente da música do século XX, fixo na
cultura musical galega.
En 2008 publica o seu primeiro traballo en
solitario Cinsa Namorada, gravado nos estudos Casa de Tolos, en Gondomar.
«Cinsa
namorada» é, como decimos, o primeiro disco en solitario de Tino Baz que tivo
como finalidade crear un soporte sonoro da súa obra como autor, músico e
cantor. É o resultado dun proceso de madurez creativa a través dunha longa
carreira como profesional da música, sustentada en diferentes colaboracións con
grupos da música galega e como músico que percorreu e difundir o seu traballo
tanto en España como no resto do mundo.
Desde á presentación dese traballo
discográfico Tino Baz non parou de atender diferentes chamadas para realizar
actuacions por todo o país, e mesmo para estar cando fixo falla, en actos de
homenaxe como a do poeta Xosé Carlos
Gómez Alfaro, que tivo lugar o día 27 de novembro de 2009, no Salón dos Espellos, do Colexio PP. Somascos, e no que actou na compaña da súa irmá Carmen.
O 19 de outubro de 2013, o Centro Cultural de
A Guarda foi o escenario do concerto “A
voz da memoria”, no que co apoio de imaxes fotográficas recollidas por Proxecto
Socheo, Tino Baz interpretou temas habituais no seu amplo repertorio, xunto con
obras novas que xa daquela tiña previsto incluir nun futuro traballo discográfico.
Desde súa fundación en xaneiro de 2014, Tino Baz ven
coordinando o Obradoiro de Música Tradicional Galega “Cantares do Brueiro”,
colectivo formado por unhas 35 persoas de todas as idades, que xurdiu do
devandito obradoiro, e que ensaia cada martes na Casa da Comunidade de Montes
Veciñais en Mán Común da parroquia de Camposancos, e ten ofrecido varios
concertos, como o do pasado 14 de abril de 2019, no Auditorio Municipal do
Rosal.
Tino Baz Baz é moito máis que un grande cantautor galego. É unha persoa comprometida e sempre disposta a colabourar. Él é, sen menoscabo de ninguén, un dignísimo patriota. Un librepensador. Unha persoa que non fai distingos con ninguén. Que trata con agarimo a todo o mundo. Un ser irrepetible. En definitiva, Tino Baz é un dos bós e xenerosos.
Pois xente asi hay que coidala e mimala
ResponderEliminar