30 de xan. de 2020

VIGO

Xornada de portas abertas na Semente Vigo para dar a coñecer o proxecto 

· Terá lugar o vindeiro martes, 4 de febreiro, ás 18h, na rúa Dr. Corbal 102 

· Este proxecto educativo a prol do galego baralla abrir un segundo centro en Vigo 

· Este curso quedaron máis de 10 familias en lista de agarda 



Infogauda / Vigo 

 A asociación Pro-Escola Semente Vigo celebrará o vindeiro martes, 4 de febreiro, unha xornada de portas abertas. Todas as persoas interesadas neste proxecto educativo a prol do galego son convidadas a achegarse ao centro que Semente ten en Teis, na rúa Doutor Corbal 102. Entre as 6 e as 7 da tarde, as educadoras máis algunhas familias usuarias dos servizos da Semente atenderán as persoas que queiran coñecer de preto o proxecto, o centro e as actividades que se realizan. 

 Este ano a sesión de portas abertas é de especial relevancia, xa que a asociación está valorando abrir un segundo local para poder ofertar máis prazas, xa que este curso quedaron moitas familias en lista de agarda. Segundo o presidente da asociación, Víctor Vaquero, “se detectamos o mesmo interese que o ano pasado, nos lanzaremos a abrir un segundo local e deste xeito poderemos dar servizo a máis familias”. 

 Semente é un proxecto educativo galego que nace do desexo de moitas persoas de poder transmitir a lingua galega á seguinte xeración. No contexto actual, especialmente no ámbito urbano, esta transmisión non está garantida. O proxecto Semente ofrece ás familias galegofalantes un espazo onde o galego é lingua vehicular, onde as súas crianzas atopan outras crianzas que tamén falan galego, e deste xeito poden socializar na súa lingua materna, algo esencial para a adquisición dun idioma. Actualmente hai centros Semente en varios puntos da xeografía galega: Vigo, Compostela, Lugo, Trasancos e Coruña. 

 O espazo educativo da Semente-Vigo está dirixido a crianzas de entre 2 e 6 anos. Fanse actividades que fomentan a adquisición de destrezas manuais, cognitivas e relacionais, respectando o ritmo de cada crianza e sen forzar a súa participación, e buscando un desenvolvemento integral. As educadoras da Semente contan coa titulación de Mestres de educación infantil e a ratio é de un máximo de 10 crianzas por educadora. 

 De cara a poder organizar mellor a sesión de portas abertas, é preferible que as persoas interesadas en asistir contacten por teléfono. Do mesmo xeito, se alguén ten interese pero non pode acudir ese día, pode contactar para reservar unha cita. 

 As persoas interesadas en coñecer o proxecto poden contactar no teléfono 651 191 352.

Ningún comentario:

Publicar un comentario