27 de xan. de 2020

VIGO

«Crac! Unha breve historia da economía» de Alexandre Versignassi 
A presentación-coloquio será o xoves 30 de xaneiro, no Espazo Cubo, ubicado en Doutor Cadaval 17B (Vigo), a partir das 20:00 horas
Isidro Dozo Valladares / Vigo
 Con motivo do lanzamento de «Crac! Unha breve historia da economía» de Alexandre Versignassi, Catro Ventos Editora e o Ateneo Atlántico, organizan unha presentación-coloquio o xoves 30 de xaneiro. Será no Espazo Cubo de Vigo, ubicado en Doutor Cadaval 17B (Vigo), a partir das 20:00 horas.
 Alexandre Versignassi e Xosé Carlos Arias (catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e autor do prólogo á edición galega desta obra) tentarán demostrar que a economía non é tan aburrida e allea a nós como pensamos, e que mesmo pode ser interesante, divertido e, sobre todo, frutífero comprendermos que pasa ao noso redor cos nosos cartos e sermos quen de tomar decisións axeitadas con eles. 
Sobre a obra      
 Crac! fai un paseo, en chave de humor e retranca, por 12 000 anos de civilización e traza paralelismos entre o pasado e o presente para explicar como funcionan as moedas, a inflación, as burbullas, os cracs financeiros e o ir e vir infinito entre a euforia e a depresión da economía. Dunha economía cíclica que sempre se repite.         
 Alexandre Versignassi ten unha capacidade brillante para achegarnos, con ironía e sarcasmo, a todos eses conceptos financeiros que están tan presentes nas nosas vidas e que descoñecemos por completo.         
 Da man dos tulipáns, Isaac Newton, os chimpancés, Homer Simpson e as carabelas, entenderás por fin o mundo do diñeiro e da economía, a máis perturbadora, intensa e xenial das creacións humanas. Unha ciencia que permite que os mesmos 12 euros estean en dous sitios ao mesmo tempo ou que merques un piso de 150 000 euros sen ter que ir pedir micropréstamos de 150 euros a 1000 cidadáns á boca do metro.

Sobre a autoría          
 Alexandre Versignassi é xornalista e director de redacción de Superinteressante, a revista de ciencia máis importante de América do Sur. En 2012, foi finalista do premio máis recoñecido de Brasil, o Premio Jabuti, por esta obra e gañou catro veces o Premio Abril de Xornalismo. Nos seus máis de vinte anos de traxectoria profesional, leva escritas centenas de reportaxes de divulgación científica e aplica ao xornalismo económico o principio chave que aprendeu na divulgación científica: facer interesante aquilo que é relevante e amosar a relevancia do que semella meramente interesante, unha premisa que segue e leva ao extremo neste libro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario