INFRAESTRUTURAS REVISA CATRO ESTRADAS DO ROSAL ATENDENDO ÁS DEMANDAS VECIÑAIS DE MELLORA
Acompañados
da alcaldesa, Ánxela Fernández, e do concelleiro de Vías e Obras,
Germán Fernández, os responsables de Infraestruturas visitaron in situ
catro puntos clave que concentran a maior parte de peticións de mellora
por parte da veciñanza
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O xefe territorial de Infraestruturas de Xunta en Pontevedra, José Luis Díez Yáñez, e o Xefe de Servizo Provincial de Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey visitaron a semana pasada O Rosal para coñecer de primeira man todas as demandas veciñais relacionadas con diferentes problemáticas e desperfectos nas estradas da Xunta que pasan polo concello. Acompañados da alcaldesa, Ánxela Fernández, e do concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, os responsables de Infraestruturas visitaron in situ catro puntos clave que concentran a maior parte de peticións de mellora por parte da veciñanza.
O Goberno municipal xa trasladara á Xunta todas estas demandas veciñais e solicitara formalmente o seu arranxo e atención nunha reunión previa celebrada hai uns meses en Pontevedra. “Dende o Concello queremos agradecer a Infraestruturas que viñeran ata aquí para coñecer e atender as demandas dos nosos veciños e veciñas e esperamos que poidan darlle resposta coa maior celeridade”, explica a alcaldesa.
Melloras en catro estradas
Díez Yáñez e González Juanatey visitaron a VAC CG-4.2 para coñecer a última problemática sinalada polas veciñas e veciños que viven na contorna desta vía de alta capacidade. Tamén se achegaron ata a PO-353, a estrada que vai de Pancenteo-Marzán-Novás ata Fornelos, onde os rosaleiros e rosaleiras demandan non só pasos de peóns que garantan a seguridade vial, senón tamén o arranxo de pequenos desperfectos e outras medidas de mellora.
O percorrido rematou noutras das estradas de competencia autonómica: a PO-354, que vai desde As Patas ata Fornelos, e a PO-552, a estrada que une A Guarda-O Rosal-Tui.
Ningún comentario:
Publicar un comentario