Tomiño conmemorará o Día da Muller cunha versión da obra de Ibsen, “Casa de Bonecas”
A compañía "Estudo Momento" traerá unha adaptación do clásico do dramaturgo, predecesor dos movementos feministas, estreado con grande escándalo en Copenhague en 1879
O sábado 7 de marzo, ás 22:00 horas, no Auditorio de Goián
Infogauda / Tomiño
“1879. Casa de Bonecas”, a innovadora proposta dos actores galegos Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, que revisa o clásico do autor Henrik Ibsen, chegará a Tomiño o sábado 7 de marzo, en conmemoración do Día da Muller (8/3).
A compañía “Estudo Momento” traerá unha adaptación do clásico do dramaturgo noruegués, predecesor dos movementos feministas, estreado con grande escándalo en Copenhague en 1879.
Iria e Mejuto dan vida ao matrimonio Helmer, composto por Nora e Torvaldo, nunha proposta na que os actores realizan unha disección do matrimonio, das relacións de autoridade e da liberdade.
Iria, que interpreta a Nora, un personaxe cualificado polos expertos como un dos primeiros berros feministas do teatro, afirma que “Nora non é unha heroína feminista, é un ser humano xeneroso que transcende o seu afán de desquite. Non é prisioneira nin do sistema, nin de Torvaldo; simplemente adquire lucidez, e consciencia de que quere”.
“1879. Casa de Bonecas” subiu a distintos escenarios de Galicia e Madrid revelándose coma un proxecto de profunda actualidade, onde os maridos e mulleres que ocupan as súas butacas, acaban opinando en directo sobre os personaxes. Trátase dun matrimonio que ilumina moito máis que a portada vital dela e a actitude paternalista del. É un proxecto que mira con lupa as relacións de autoridade entre persoas: familia, parella, amigos. Quen decide na túa vida como manexas os fíos da túa trama? Esa é a verdadeira pregunta que “1879. Casa de Bonecas” pon sobre a mesa.
A función comezará ás 22:00 horas no Auditorio de Goián.
Ningún comentario:
Publicar un comentario