24 de xan. de 2020

TOMIÑO

A nova avenida de Tomiño aberta ao tránsito, permite desviar os vehículos pesados arredor do centro urbano 

O novo trazado fai posible tamén enlazar centros coma o CEP Pedro Caselles, cos novos equipamentos como o Centro de Saúde, a Residencia Asistida, e o IES de Tomiño, situados nas proximidades da Avda. República Arxentina

A nova avenida esténdese nun trazado de 1.318 metros, cun ancho de 16 metros (10 metros adicados a unha calzada de dobre sentido de circulación, e 6 metros de senda para peóns e bicicletas)
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O centro urbano de Tomiño nótase estas semanas menos conxestionado. A apertura da nova avenida que conecta as estradas EP-3102 e PO-344, mediante unha variante poboacional, mellora a mobilidade e integración urbanística deste conxunto urbano, permitindo unha mellor permeabilidade e accesibilidade do sistema viario.  

 A nova estrada enlaza polo sur a EP-3102 e polo Norte a PO-344 (Rúa Gondomar), proporcionando unha saída natural á Avenida República Arxentina (que pasará a chamarse Avenida do Baixo Miño), e da rúa da Pedra cara o leste do núcleo, así como engarzando coa futura VAC sen necesidade de atravesar o núcleo urbano.  

 O novo trazado permite tamén enlazar os centros equipamentais sitos na estrada provincial (CEP Pedro Caselles), cos novos equipamentos como o Centro de Saúde, a Residencia Asistida, e mesmo o IES de Tomiño, situados nas proximidades da Avenida República Arxentina.  

 A nova avenida esténdese nun trazado de 1.318 metros, cun ancho de 16 metros (10 metros adicados a unha calzada de dobre sentido de circulación, e 6 metros de senda para peóns e bicicletas). O trazado foi deseñado para unha velocidade de 60 km/hora; aínda que de forma puntual establécense parámetros lixeiramente superiores ou inferiores para adaptarse as condicións da contorna.  

 Amais o proxecto complétase mediante o deseño das interseccións necesarias co viario existente; a tal obxecto inclúense cinco glorietas sobre o viario existente, e unha conexión urbana de 150 metros (prolongación rúa Tui), para conectar o novo trazado co centro urbano.  

 Cabe reseñar que o deseño da nova avenida, un proxecto que foi posible grazas a colaboración de tres administracións (Xunta, Deputación e Concello), tivo en conta o proxecto da VAC Tui-A Guarda, que contempla un enlace en O Seixo, de forma que o vial resulta totalmente compatible coas previsións da rede autonómica de estradas.  

 Nos próximos días, comezarán as obras de peonalización de dúas rúas no Seixo que veñen a completar o proceso de humanización do casco urbano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario