8 de xan. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal remata a súa programación de Nadal con maxia  

Coa Gala Miñomáxico, no Auditorio Municipal 

Este sábado 11 de xaneiro ás 20:00 h, na que estará o ilusionista Samuel Moreno. Para todos os públicos e entrada de balde  



Infogauda / O Rosal

 O Rosal pon o broche final á época de maior maxia e ilusión cun espectáculo cheo de música, tecnoloxía, imaxinación, humor e fantasía. A programación de Nadal remata este sábado 11 de xaneiro coa Gala Miñomáxico, que se celebrará ás 20:00 h no Auditorio Municipal e que contará coa participación do mago Samuel Moreno. Un espectáculo para todos os públicos e de balde organizado polo Concello do Rosal en colaboración con AMB.  

 Como complemento a esta actividade, a asociación AMB propón unha xornada repleta de maxia. Pola mañá organizará dous obradoiros de maxia para nenos e nenas (11:00 e 12:00 h) no Centro Social Polivalente, nos que os cativos e cativas participantes poderán aprender trucos de maxia con cartas, cordas... e outro tipo de materiais que facilitará a organización. Para participar é preciso inscrición previa a través do enderezo electrónico minhomaxico@gmail.com. O custe destes obradoiros é de 8€. Xa pola tarde, a partir das 18:00 h haberá ‘Maxia preto de ti’ na Cafetería Juan.  

Grande implicación 

 A xornada de maxia pon punto e final a unha axenda de Nadal marcada polo gran número de actividades para todos os públicos e, sobre todo, pola grande implicación tanto de todo o tecido asociativo do Rosal como de toda a veciñanza. Dende o Concello quérese agradecer a implicación de todas as asociacións, xa que meirande parte delas formaron parte de xeito activo nas iniciativas programadas para estas datas, o que reflicte “a vontade de colaboración que existe no municipio e que converte ao Rosal en exemplo de dinamismo”. “É así, traballando todos xuntos, como conseguiremos mellorar a nosa realidade e ter un concello moito máis dinámico e activo”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández.  

 Un éxito que - como afirmou a alcaldesa - non sería completo nin posible sen a gran resposta obtida por parte dos veciños e veciñas do Rosal, que unha vez máis participaron de xeito activo en todas as actividades, demostrando o seu interese por poder desfrutar no seu propio concello dunha programación deseñada para todos os públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario