PIRAGÜISMO
O CLUB DEPORTIVO MIÑO GAÑADOR DA XI TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM
Informa (fotografías e Redacción): Rosa Fernández Carrera
Esta fin de semana celebrouse XI Taça Ibérica de Slálom, un exemplo de colaboración transfronteiriza. A xa emblemática competición tivo lugar nas augas do río Coura ao seu paso por Azenhas de Pagade, na freguesía de Covas. Organizada polas federacións galega e portuguesa de piragüismo, e polo Club Deportivo Miño, a proba puntuaba tanto na liga portuguesa, como na galega de slálom. Puro espectáculo foi o que deron os máis de cen deportistas participantes, nunhas xornadas nas que acompañou o bo tempo.
Ao longo do sábado disputáronse as clasificatorias, nas que moitos piragüistas xa quedaron fóra da competición. E na mañá do domingo foi tempo de finais e semifinais.
O Club Deportivo Miño-Teixugos, organizador principal do evento, acudiu a cita con 8 deportistas, que foron quen de acadar catro medallas de ouro, tres de prata e unha bronce.
Ainhoa Barreiro, na categoría cadete, alzouse co triunfo tanto en canoa como en kaiak. Na mesma categoría, Alba Soutelo foi medalla de prata, tamén en C1 e K1.
Samuel Castro, en C1 cadete, foi o gañador da proba.
En K1 cadete, a que tivo a maior participación de "teixugos", Sergio Rodríguez gañou a proba, Alexis Segadaes foi prata, Samuel Castro rematou cuarto e Mateo Rivas sexto.
En K1 infantil, Adrián Lluch, rematou en quinto lugar.
Brais Castro, en C1 sénior, rematou coa medalla de bronce.
Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador con 270 puntos, compartindo podio co Augas Bravas Clube con 226, e a Associação Desportiva de Amarante con 180.
Para ver máis imaxes: https://photos.app.goo.gl/YgFv4aif17nbVNGc6
Ningún comentario:
Publicar un comentario