A muralla ciclópea do monte Aloia
Domingo 2 de febreiro ás 10:30 horas na capela de san Xiao do monte Aloia
Club Andatui Regodapedra / Tui
Desde o club Andatui informamos que o domingo 2 de febreiro realizaremos unha ruta/visita pola muralla ciclópea do monte Aloia.
Esta visita comezarémola na capela de san Xiao do monte Aloia ás 10:30 horas, será gratuita e só hai que presentarse no lugar e hora indicada.
Esta ruta, de algo máis de dous quilómetros e unha duración aproximada de unha hora e media, percorrerémola por riba dos restos da antiga muralla ciclópea visitando tamén os miradoiros do Celta, o do Castelo, o do enxeñeiro Areses e o da Oliva, todos eles cunhas vistas panor ámicas espectaculares.
Achegamos a continuación algúns datos recollidos sobre a muralla do arquitecto e historiador Jaime Garrido Rodríguez:
No cumio do monte Aloia quedan restos á vista das murallas dunha antiga fortificación. O trazado da muralla de pedra pode ser percorrido en todo o seu perímetro (algo máis de 3 km). A fortificación componse de dous recintos: o superior, de maiores dimensións e outro, pegado a este polo norte, que ocupa unhas cotas inferiores. No seu conxunto, o recinto defensivo abrangue unhas 30 hectáreas de superficie. A muralla foi construída con grandes bloques de granito en seco, que lle dan un aspecto case ciclópeo. Por termo medio presenta unha anchura comprendida entre os 2,50 e os 3,50 metros, chegando a alcanzar os 3 metros de altura no treito mellor conservado.
Algúns estudosos chegaron a identificar esta fortaleza do Aloia co monte Medulio, citado polos historiadores romanos como o último reducto onde se defenderon os pobos do noroeste hispánico das tropas romanas, pero esta identificación carece de fundamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario