Nova sesión de Música e Palabras
Organizada pola xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos
Venres día 3 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa de Montes
Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos
Xa estamos no 2020. Quen o diría cando antes do cambio de milenio os agoreiros prevían que ían acontecer un feixe de incidencias. E ainda que non foi tal como nos dixeran, ben é certo que daquela algunhas houbo. Senón que llo pregunten a máis de un veciño da contorna que o 31 de decembro de 1999 tivo que tomar ás uvas da sorte seguindo ás baladalas da Porta do Sol madrileña mediante á radio do seu automóbil. Máis non foi polo efecto 2000 senón pola calidade de servizo dalgunha suministradora de enerxía eléctrica de cuxo nome non queremos lembrarnos.
Pero non é do efecto 2000 do que queremos informar, senón dunha actividade coa cal a xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Camposancos, que preside José Fernando Martínez Martínez, e que conta coa entusiasta colaboración de varias veciñas e veciños, queren comezar este 2020. E faráno cunha proposta que leva unha denominación - Música e Palabras - que eles mesmos acertada e oportunamente, acuñaron.
Música e Palabras é como un foro aberto onde veciños e visitantes poden/podemos expresar todo aquilo que desexemos, mediante á interpretación dunha peza musical co instrumento que cada ún elixa, ou simplemente, escoller un poema e declamalo, ler un parágrafo dunha obra literaria que haxamos seleccionado,..., e todo iso, tan sinxelo, é a vez tan sublime, diante de un público sensible, que con certeza vai premiar cada actuación cunha salva de aplausos.
Iso é, en síntese, obviamente, Música e Palabras. Un xeito de socializar. De facer comunidade. De manter viva á nosa cultura. De sermos nós mesmos.
Será o venres día 3 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa de Montes de Camposancos.
Estamos todas/os convidadas/os.
Ningún comentario:
Publicar un comentario