26 de xan. de 2020

A GUARDA

As asociacións guardesas mantiveron unha nova xuntanza informativa sobre o futuro do porto da Guarda 

• A comisión de seguimento, que reclama un futuro para o porto da Guarda, informa aos representantes das asociacións sobre as súas xestións

O alcalde e a tenente de alcalde do Concello de A Guarda, ao comezo da xuntanza de onte con representantes de diferentes asociacións da localidade
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 A Guarda, pola súa situación xeográfica, ten uns indiscutibles atractivos naturais que os milleiros de visitantes que se achegan cada ano á nosa localidade, non dubidan en eloxiar. O porto guardés constitúe un deses atractivos. Porén, ese feito contrasta cunha realidade que os guardeses, especialmente os traballadores do mar, coñecen mellor que ninguén: o porto de A Guarda precisa un plan de investimentos que o fagan operativo en calquer época do exercicio anual, tanto para actividades pesqueiras, como para deportivas.

 Esa realidade histórica, que sen dúbida - xunto coa carencia de liña de ferrocarril ata A Guarda -  limitou o desenvolvemento económico da nosa localidade, semella atopar hoxendía cun movemento social que proponse correxir esa eiva. Por esa razón,  o venres 24 de xaneiro de 2020, ás 20:00 horas, tivo lugar no antigo local da confraría de pescadores, unha xuntanza na cal o alcalde, Antonio Lomba Baz, e os membros da comisión de seguimento (Confraría de Pescadores, Piueiro, OR.PA.GU. e Alagua), informaron as asociacións guardesas que reclaman un futuro mellor para o porto da Guarda, sobre o contido da reunión mantida en Santiago de Compostela, o pasado 15 de xaneiro, coa conselleira do Mar, Rosa Quintana e a presidenta de Portos, Susana Lenguas. 

 O alcalde tomou a palabra para trasladar aos presentes a resposta ás demandas feitas na reunión entre a comisión de seguimento e as representantes da Xunta de Galicia. 

 Como xa é coñecido as melloras que reclama á veciñanza da Guarda, (representados polas súas asociacións) en relación ao  porto, teñen que ver co uso mais intensivo da lámina de auga, tanto para profesionais como para actividades náutico deportivas. O principal obxectivo é recuperar a importancia que o porto tivo no pasado como motor económico da localidade. 

O PORTO GUARDÉS NECESITA UN NOVO ESPIGÓN DESDE O BALUEIRO DEICA O NORTE

 Como xa informamos oportunamente neste xornal dixital transfronteirizo, a principal demanda que se propuxo na xuntanza mantida en Santiago foi a construción dun novo espigón ao Sur do porto, que parta da zona do Balueiro e que remate por fora do espigón Norte. Esta infraestrutura evitará a entrada dos mares que na actualidade fan impracticable o porto con mal tempo, permitirá o seu uso durante todo o ano e a dotación de servizos e infraestruturas de atraque.  

 O alcalde informou que as responsables da Xunta de Galicia entenderon ás demandas que lle trasladaron dende a Guarda e que se comprometeron a facer unha valoración da viabilidade técnica e económica en relación ao espigón sur.  

 As distintas intervencións dos asistentes á reunión resaltaron a importancia de manter esta reclamación da sociedade guardesa o tempo que faga falta para que esta obra se converta nunha realidade. Encargaron ao alcalde o seu seguimento e comprometéronse en ir traballando para concretar máis polo miúdo as súas demandas respecto do porto guardés, co obxectivo de poder asesorar, no seu momento, aos técnicos que redacten o proxecto do espigón Sur. 

O ACCESO SUR DO PORTO, PENDENTE DE INFORMES SECTORIAIS 

 A súa vez manifestaron a necesidade da construción do acceso sur do porto, cuxo proxecto foi redactado pola Deputación de Pontevedra e está pendente de informes sectoriais.  

 Por último trasladaron o seu desexo de que as responsables da Consellería do Mar e de Portos de Galicia visiten a Guarda, respondendo ao convite que a comisión de seguimento lles fixo na reunión mantida en Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario