A Guarda pide á consellería do Mar un futuro para o seu Porto
• Unha representación veciñal da Guarda, encabezada polo seu alcalde, trasladouse a Santiago a demandar a construción do espigón sur do porto.
A conselleira do Mar mantivo no día de onte unha reunión coa delegación guardesa
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
No día de onte, mércores 15 de xaneiro do 2020, representantes das asociacións guardesas Confraría de Pescadores Santa Tecla, OR.PA.GU., Alagua e Piueiro, encabezados polo alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, tiveron unha reunión en Santiago de Compostela coa conselleira do Mar, Rosa Mª Quintana Carballo, e a presidenta do Ente Público Portos de Galicia, Susana Lenguas Gil, para trasladarlle as demandas da cidadanía guardesa, en relación ao futuro do porto, expresadas a través das súas asociacións.
En agosto de 2019 xurdiu na Guarda un movemento civil apoiado polas asociacións empresariais, culturais, deportivas e sociais, e polo propio concello, que ten como obxectivo conseguir melloras para o seu porto que permitan un uso máis intensivo da lámina de auga, tanto para os profesionais do mar, como para o desenvolvemento de actividades náutico deportivas, e que actúe como o motor económico da localidade, como o fixo no pasado.
As melloras que se pretenden conseguir permitirán poder usar o porto durante todo o ano de forma segura e dotalo de servizos e infraestruturas de atraque.
CONTRADIQUE DESDE O BALUEIRO DEICA O NORTE DE PUNTA XENETE
A obra principal que se propón, e así llo trasladaron ás responsables políticas da Xunta de Galicia, é a construción dun contradique que parta do sur do espigón vello, na zona do Balueiro, e que remate por fora do espigón norte. Isto evitará a entrada dos mares que na actualidade fan o porto impracticable con mal tempo.
A representación guardesa valorou de forma positiva a reunión xa que conseguiron o compromiso das responsables da Xunta de Galicia de traballar nas demandas que lle presentaron co obxectivo de elaborar un estudo de viabilidade técnica e unha valoración económica da construción do espigón.
ACCESO SUR AO PORTO: UNHA DEMANDA MOI REITERADA
Así mesmo o alcalde solicitou, unha vez máis, o apoio da conselleira para a construción do vial de acceso sur ao porto. O proxecto desta infraestrutura foi redactado na anterior lexislatura pola Deputación Provincial de Pontevedra e na actualidade está pendente dos informes sectoriais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario