A Xunta de Galicia celebra o Día Internacional da Educación Ambiental coa posta en marcha do programa Escola ‘Verde’ nunha decena de centros escolares
Esta efeméride, que se celebra cada 26 de xaneiro, busca poñer o foco e ensinarlle á sociedade a necesidade de establecer un equilibrio entre o desenvolvemento das persoas e a conservación do planeta
A iniciativa Escola Verde, impulsada en coordinación coa Consellería de Educación dentro do Plan Proxecta, está deseñada para mellorar o comportamento ambiental desde as idade máis temperás
Este programa inclúe charlas formativas cos docentes creación de patrullas verdes en cada centro, así como a publicación dun Manual de boas prácticas ambientais para escolas verdes, accesibles á sociedade en xeral na web da Consellería
Infogauda / Galicia
A
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda conmemora hoxe o
Día Internacional da Educación Ambiental coa posta en marcha do programa
‘Escola Verde’ un programa de sensibilización ambiental no que
participan unha decena de centros escolares de educación primaria e
secundaria.
Nesta primeira edición de Escola Verde participan dez centros educativos: os institutos de educación secundaria IES de Catabois, IES Xesús Ferro Couselo, IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, IES de Soutomaior e IES Melide; e os centros de educación primaria CEIP Príncipe Felipe (Pontevedra), CEIP Plurilingüe Antonio Palacios (O Porriño), CPR Plurilingüe Cervantes (Lugo), CEIP Plurilingüe de Seixalbo (Ourense) e CEIP de Refoxos Oia).
Con este programa a Xunta apoia ás escolas de Galicia que queren innovar, incluír, sistematizar e organizar accións educativas que teñan a finalidade de asumir novos retos e valores da sustentabilidade; e conseguir cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente. Ademais, invítase aos centros a incorporar os valores da educación para a sustentabilidade en tódolos ámbitos da vida do centro e das familias e promover a participación activa da comunidade educativa na mellora do seu medio.
Para axudalos, elaborouse un manual para acompañar aos centros participantes en cada un dos proxectos ou iniciativas que están a levar a cabo; polo que se propón a creación dun equipo de trabalo multidisciplinar, un comando verde, no que participen alumnos e profesores. O manual tamén incorpora un listado de boas prácticas ambientais para todas as actividades da escola, entre as que destacan: utilizar unha bolsa de tela reutilizable para levar o bocadillo ao cole; conseguir uns colexios con “Aluminio 0” ou un recreo libre de plástico dun só uso; utilizar unha pequena cantimplora ou botella reutilizable para levar zume ou batido ao recreo; evitar a mestura de residuos e depositar cada residuo no seu contedor; ou pechar as fiestras cando a calefacción se atope acendida.
Día Internacional da Educación Ambiental
Cada 26 de xaneiro celébrase esta efeméride coa finalidade de concienciar á sociedade na necesidade de establecer un equilibrio entre o desenvolvemento das persoas e a conservación do planeta
Cómpre romper a idea de que o medio ambiente é unha fonte inesgotable de recursos, pois hoxe en día cada vez somos conscientes de que existe un delicado equilibrio entre a contorna e o home, polo que é preciso tomar conciencia dos actos para evitar graves consecuencias para todos os habitantes do planeta.
A educación ambiental é unha ferramenta para crear conciencia en todas as persoas sobre a importancia de coidar o medio ambiente, de protexer a flora e a fauna das súas localidades e sumarse ás iniciativas mundiais; ao tempo que promove que os gobernos activen políticas que resgarden as contornas naturais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario