O Concello está redactando un anteproxecto para a estrada PO-352 de circunvalación ao Monte Santa Trega
De esquerda á dereita, da imaxe, o concelleiro Miguel Ángel Español Otero, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, Fernando Román Cajaraville - vogal do PSdeG-PSOE na Entidade Local Menor de Camposancos - e a tenente alcalde Mª Montserrat Magallanes Álvarez, en Camposancos, na estrada PO-352
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A estrada PO-352 é sen dúbida algunha unha das principais arterias de comunicación da Guarda. "Basta dicir - segundo afirman desde o executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz - que é a única conexión entre o casco urbano da Guarda e a parroquia de Camposancos, tanto polo Leste como polo Oeste, alén de suliñar que conduce a todas as praias fluviais da nosa vila".
Con estas referencias resulta doado entender que o tráfico rodado que soporta a cotío, sobre todo en época estival, é moi considerable. Ao mesmo tempo, e dado que a paisaxe pola que discorre é moi fermosa, atrae a multitude de peóns que pasean por ela.
"Sen embargo, a pesares da súa importancia e do tráfico que soporta, non reúne as mínimas condicións de seguridade viaria, os carrís non superan na maior parte do trazado os 2,50 metros de ancho e non conta con beirarrúas para unha mínima seguridade dos peóns", sinalan deste o Goberno Municipal do Concello guardés.
"Dende a alcaldía da Guarda, foron moitas as ocasións, unhas por carta e outras persoalmente, nas que se lle reclamou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o ancheamento da calzada, a construción dunha senda peonil e un carril bici. Por citar as ultimas xestións:
• 7 de novembro de 2017: reunión do alcalde Antonio Lomba coa conselleira Ethel Vázquez, en Santiago, compromiso da conselleira de redactar o proxecto.
• 26 de decembro de 2018: reunión do alcalde Antonio Lomba, en Pontevedra, co director territorial de Infraestruturas. Resposta do director, a senda pode entrar dentro dun paquete no ano 2019.
• 31 de decembro do 2019: carta do alcalde Antonio Lomba á conselleira solicitándolle unha nova entrevista- Ata o momento sen contestación.
Ante esta pasividade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o alcalde da Guarda encargou a redacción dun anteproxecto que en breve entregará na consellería para esixir a súa urxente execución".
Segundo informou o Grupo Municipal de Goberno do Concello de A Guarda "o referido anteproxecto contempla unha actuación na totalidade da estrada PO-552 que non conta con beirarrúas, tanto polo lado Norte (A Cruzada-Camposancos) como no lado Leste (Camposancos ata intersección da estrada PO-355), que conduce á Pasaxe, consistente nun ancheamento da calzada de rodadura, a construción de beirarrúas e a dotación dun carril bici".
Ningún comentario:
Publicar un comentario