13 de ago. de 2019

A GUARDA

XIII FESTIVAL DE BANDAS VILA DA GUARDA

Sábado 24 de agosto, ás 19:30 horas, no auditorio ao aire libre San Bieito



Infogauda / A Guarda

  Organizado pola Agrupación Musical de A Guarda, coa colaboración do Concello de A Guarda e a Deputación de Pontevedra, o sábado día 24 de agosto, ás 19:30 horas, no auditorio ao aire libre San Bieito*, celebrarase o XIII Festival de Bandas Vila da Guarda.

  Participarán ás seguintes bandas de música:

· Agrupación Musical do Rosal
· Unión Musical de Allariz
· Agrupación Musical de A Guarda 

Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal 



 A banda de música da Agrupación Musical do Rosal presentouse ó público o 4 de maio de 1986, sendo o seu director Laureano Matos Barcia. Dende entón levan pasado pola agrupación varios directores: José Luis Represas Carrera (1988-1990), José Vicente Simeó Máñez (1990-2006), Diego Javier Lorente López (2006-2012), Marcel van Bree (2012-2014), Carlos Ramón Pérez (2014-2015), e dende setembro de 2015 está o cargo da dirección José Javier Bascoy Iglesias.  

 Dende a súa creación leva organizando innumerables actos culturais, concertos pedagóxicos, de grupos de cámara, con acompañamento coral…, e desde o ano 1989 organiza anualmente o Festival de Músicos Xoves, que xa contou coa participación de bandas das Comunidades Valenciana, e Murciana, e tamén do veciño Portugal.  

 É solicitada a súa participación en infinidade de certames, festivais, concertos, … e realizou importantes intercambios culturais con outras bandas galegas, así como do resto de España.     

Dos premios conseguidos destacan os seguintes:      

1991: 2º Premio (na máxima categoría), no Certame de Bandas Galegas celebrado en Lalín.     
1995: 1º Premio no I Certame de Bandas de Música Populares Galegas, organizado pola Consellería de Cultura – Xunta de Galicia en colaboración coa R.T.V.G.     
1996: 1º Premio no II Certame de Bandas de Música Populares Galegas, organizado pola Consellería de Cultura – Xunta de Galicia en colaboración coa RTVG.     
1999: Premio da Música concedido pola Fundación Premios da Crítica Galicia, “pola excelente calidade conseguida dentro da moi positiva evolución das bandas populares galegas”.    
 2000: 2º Premio no CXIV Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia” na 1ª Sección, celebrado no Palau da Música de Valencia.     
2001: 2º Premio no XXX Certame Internacional de Bandas de Música “Vila de Altea” (Alacante), celebrado no Palau da Música de Altea, e participando xunto coa Banda Sinfónica da Unió Musical de Llíria.     
2002: 1º Premio e Mención de Honra no II Certame Provincial de Bandas de Música (Sección Especial), organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.     2003: 1º Premio no CXVII Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia” na Sección Especial, celebrado na Praza de Touros de Valencia.     
2003: 1º Premio e Mención de Honra no III Certame Provincial de Bandas de Música (Sección Especial), organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.     
2004: Premio Are-More concedido polo Concello de Vigo.    
2005: 1º Premio no XXXII Certamen de Bandas de Música Civiles Amateurs de Campo Criptana (Cidade Real).    
2009: 1º Premio no Certame Provincial de Bandas (Sección Especial), organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.    
2010: 1º Premio no Certame Zonal de Bandas da Deputación de Pontevedra (Sec. 1ª)     
2011: 1º Premio no V Certame Galego de Bandas de Música (Sec. 1ª) organizado pola Federación Galega de Bandas.    
2013: Premio César Dios Diosiño, Premio Provincial á Cultura 2012, outorgado pola Deputación Provincial de Pontevedra. 

 Actualmente, a banda está formada por máis de 80 compoñentes, algúns deles xa profesionais, coas súas carreiras musicais terminadas. Algúns dos compoñentes desta agrupación son membros habituais da Banda Sinfónica de Galicia, bolseiros da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), membros da Orquestra Sinfónica de Castilla y León, así como profesores de conservatorios e escolas de música.  

 Colaboraron con esta agrupación diversos concertistas instrumentistas de alto nivel musical e realizáronse cursos de dirección con prestixiosos mestres como Jan Cober, Rafael Sanz, Bernardo Adam Ferrero, Josep Vicent Egea, Ferrer Ferrar ou Pablo Sánchez Torrella.  

 A banda rosaleira, a través de encargos da Fundación O Rosal e tamén propios, estreou diversas obras para banda, compostas por Josep Vicent Egea, Juan Gonzalo Gómez Deval, Roxelio Groba ou Juan Lois Diéguez. 

 No referente a gravacións ten editados cinco CD propios e recentemente colaborou no último disco de Treixadura “Esa sí que é muiñada”. 

Banda Unión Musical de Allariz









 A Banda de Música comeza os ensaios en xullo do 2013 baixo a dirección de José Manuel Vega Real, facendo o seu concerto de presentación o 15 de decembro do 2013 na Casa da Cultura de Allariz, cun cheo total, contando na actualidade cunha plantilla de 62 músicos.     

 A pesares de ser unha das formacións máis xoves da nosa comunidade, conta cun plantel de músicos excepcionales que se están formando na escola da Asociación Cultural Unión Musical de Allariz, así coma nos diferentes Conservatorios da nosa provincia.     

 Na actualidade conta tamén cunha banda xuvenil canteira da banda titular, formada por 39 músicos e cunha banda de iniciación que se estreou o 5 de maio do 2017, que conta con 29 músicos.    

 Grazas a este compromiso por parte dos músicos, a partir do 2014 a Banda Unión Musical de Allariz pode xa levar o nome de Allariz polos diferentes pobos que a contratan. Así deste xeito xa pudo actuar no Verán do 2015 en Genovés (Valencia) e en xullo do 2016 actuou en Cadaujac, Tálence (Francia), Eibar e Ermua. No 2017 actuou en S. Miguel de Salinas y S. Isidro (Alicante).     

 No 2018 actuou nas Illas Azores, e no I Festival de Cantanhede (Coimbra), desenrolado durante no pasado mes de outubro.     

 Neste 2019 viaxará neste mes de agosto a Granada onde participará nun Festival de Bandas na poboacion de Cullar.     

 Nestes 4 anos de vida da Banda, a Unión Musical de Allariz estreou unha marcha dedicada a banda e pobo de Allariz titulada “Banda de Allariz” sendo o seu compositor Manuel Augusto e recentemente foi elexida polo compositor alicantino Oscar Sempere Francés para facer o estreo da súa obra “Xan de Arzúa” dedicada o 700 aniversario da Festa do Boi, de Allariz.    

 Actualmente a Unión Musical de Allariz está dirixida por José Manuel Vega Real.

Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda 




 Por iniciativa de pais e profesores do Conservatorio de Música e do Concello de A Guarda, nace en novembro de 2001 o proxecto de creación dunha Banda Xuvenil de Música formada por alumnos do Conservatorio. Despois de dous anos de formación, a xove Agrupación Musical, actúa por primeira vez en público no Festival fin de Curso 2002-03.                   

 Pero é o 25 de xuño de 2005, cando Agrupación Musical de A Guarda, con 44 compoñentes, fai a súa presentación oficial amadriñada pola Agrupación Musical do Rosal, na Praza do Reló de A Guarda. 

  Dende a súa creación a Agrupación Musical da Guarda actuou en diversos actos culturais celebrados tanto na Guarda, como na Comarca do Baixo Miño: Encontro Internacional de Corais da Ribeira do Baixo Miño (ano 2004), Festivais de Santa Cecilia, ciclo de concertos de verán organizados pola Concellaría de Cultura e da Asociación de comerciantes (ACIGU) anos 2003 e 2004 -, Festival benéfico de axuda aos afectados polo tsunami do sudeste asiático (ano 2004), Festival de clausura do Cine Avenida (ano 2005), Festival de Músicos Xoves de O Rosal (ano 2005), Festival a beneficio do Colexio de educación especial San Xerome Emiliani (ano 2006) no Auditorio Municipal de Goián (Tomiño), así como en distintos festivais fóra de Galicia: I Festival Nacional de Bandas de Música en Pola de Laviana (Asturias),  I Encuentro Nacional de Bandas en Arroyo de la Encomienda (Valladolid), Encontro de Bandas en lanhelas (Portugal), etc.  Participa tamén en moitos festivais de bandas: Vincios, Meis, Barbadás, Mos, Ortigueira, Marín, Lousame, Coruxo, Chapela, Cabral, Ribadeo, Chantada, Rianxo, Allariz, etc.  

 No ano 2009 participa por primeira vez no Certame Provincial de Bandas acadando o 2º premio na 3ª categoría (ata 45 músicos). 

 No ano 2010 participa no X Certame Provincial de Bandas conseguindo o 3º premio e no IV Certame Galego de Bandas en Santiago acadando a 4ª posición. 

 En agosto do 2011 grava o seu primeiro CD no Auditorio Municipal de Goián. 

 En 2014 participa no programa Luar da Televisión de Galicia. 

 En 2015 participa no III Festival Zonal de Bandas de Música da Deputación. A Agrupación ten ademais un grupo de iniciación que conta cunha una media de 30 músicos tanto nenos como adultos que forman a canteira da banda. Este grupo está dirixido por José Antonio Soutelo.  

 A Agrupación organiza anualmente o Concerto de Santa Icía, no mes de novembro, e o Festival de Bandas "Vila da Guarda", e ademáis ofrece concertos monográficos durante o verán, como o "Concerto pop & rock", "Un concerto de película" ou o concerto da Agrupación Musical de A Guarda con María do Ceo.  

 Actualmente, a Agrupación Musical da Guarda está formada por 60 músicos e dirixida dende os seus inicios por Víctor Luís Alonso Treinta.


* No caso de chuvia, o festival terá lugar no patio cuberto do colexio PP. Somascos.

A GUARDA

O PSdeG-PSOE DEIXA UNHA ENTIDADE LOCAL MENOR DE CAMPOSANCOS TOTALMENTE SANEADA E OPERATIVA 


 Os Socialistas da Guarda queren agradecer a Rafael Álvarez, antigo alcalde pedáneo, o traballo e esforzo adicado nos últimos anos a ELM. A situación actual é o exemplo claro do traballo realizado, e o principal garante de futuro para esta administración. As cifras amosan preto de 200.000€ dispoñibles nas arcas da entidade, e a presenza de interventor e secretario, outorga a operatividade necesaria para o día a día. Salvagardar o futuro tanto económica como administrativamente era o principal obxectivo da agrupación. Ademais, a garantía e mellora do subministro de auga potable e a incorporación da administración electrónica para facilitar os trámites relacionados ca entidade, fomentan unha maior autonomía desta, a vez que a acercan máis á veciñanza. 

 Outra liña de traballo, foi en conxunto con Antonio Lomba e o resto da corporación municipal de A Guarda, dende onde se conseguiron sacar adiante proxectos e necesidades de gran importancia para a bisbarra. Exemplos desta colaboración son as humanizacións da subida de San Amaro, do camiño e a fonte do Aloque, ou a dinamización do espazo do antigo campo do Codesal, con espazos para a práctica de deportes de praia e petanca. Están tamén a piques de comezar a restauración do camiño e da fonte do Aloque e a mellora do entorno da praia do Muiño e o seu acceso gracias a fondos europeos de cooperación. 

 Por outra banda, por medio do actual vogal socialista, Fernando Cajaraville continuaremos traballando por unha solución integral para evitar a desaparición do piñeiral da praia da Lamiña e para a mellora da estrada de Circunvalación ao Monte. Seguiremos loitando fronte as administracións competentes, mantendo o compromiso ca veciñanza que sempre nos caracterizou, xa dende principios do século XX con Camilo Carrero, primeiro concelleiro socialista en Camposancos no ano 1931.

(R.)

A GUARDA

Visita guiada ao xacemento arqueolóxico das salinas romanas do Seixal

O sábado día 17 de agosto, ás 10:35 horas, dende o porto de A Guarda 


Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda informa que o vindeiro sábado día 17 de agosto, ás 10:45 horas, desde o porto guardés, realizarase unha visita guiada ás escavacións das salinas do Seixal.  Esa actividade, que conta coa coordinación da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), ten unha duración aproximada de 2 horas, empregando a senda litoral.  

 Dende o Concello de A Guarda se quere agradecer a dedicación e entusiasmo mostrado polo numeroso equipo de arqueólogos e alumnos en prácticas de diversas universidades de Coimbra, Vigo e Santiago que fixeron posible que, nun curto espazo de tempo, A Guarda poda coñecer un pouco mellor o seu pasado romano.  

«A Guarda, Mar de Sal»

 «A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas romanas da zona do Seixal e tamén das rupestres situadas na zoa das Lagoas (Camposancos), e que ao mesmo tempo contribúe a catalogación, difusión e estudo, das ubicadas en varios lugares no litoral da fachada atlántica do termo municipal de A Guarda.

 O devandito proxecto levouse a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de Brais Currás.  

 O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un  medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.  

 O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitiu crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.

A GUARDA

«Música nas Prazas»

Continúa este venres día 16 de agosto, ás 22:00 horas, na Praza de Avelino Vicente 
  
Coa actuación de Blues do País

 Infogauda / A Guarda

 A Praza de Avelino Vicente - onde atópase a réplica do As de Copas - acollerá o vindeiro venres día 16 de agosto, ás 22:00 horas, a actuación de Blues do País.

 Trátase da segunda cita do Música nas Prazas 2019, no seu cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello de A Guarda e que este ano conta cun total de 3 concertos nas prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.  
 
 Blues do País é un grupo formado por Bieitta James e Pepe King que interpretan música blues de clásicos como Sitting on the dock of the bay (Sentadiña no pantalán), I just want to make love to you (Mirarche o cu), Killing me softly (Matasme despacio) ou Mercedes Benz (Chimpín). Coa súa música amosan que é posible facer blues na lingua do país.

 Os encargados de abrir a programación de Música nas Prazas 2019 foi o grupo de rap guardés Caramelo Krew, que encheron de música a Praza de San Queitano o pasado 14 de xuño.

 Para rematar esta edición o 13 de setembro ás 22:00 horas na Praza dos Seixiños acollerá a actuación de Helen & Shana.  

 A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición precedente un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.  

 Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns,...

 O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.

A GUARDA

XESTIÓN DEMOCRÁTICA SOLICITA A CREACION DE UN PLAN DE MOBILIDADE URBAN SUSTENTABLE 

Esta iniciativa esta dentro do Proxecto que se esta a levar acabo dende a formación política

Xermán Cordero Verde, presidente local de Xestión Democrática
Arquivo: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 Seguindo co Proxecto denominado Ecoloxía Urban, para o cal xa presentaron diferentes iniciativas como a proposta de “Adhesión do concello da Guarda a Rede de Cidades pola Bicicleta, e o Manifesto polas Cidades Intelixentes Innovación para o Progreso”, dende Xestión Democrática seguen adiante co proxecto, anteriormente mencionado.  

 Esta vez coa presentación dunha proposta, en forma de moción, para dotar A Guarda dun Plan de Mobilidade Urban Sustentable. 

 Desde a Área de Mobilidade Transporte, Accesibilidade e Cooperación Transfronteriza de Xestión Democrática afirman que estes Plans de Mobilidade xorden a partir da problemática crecente dos desprazamentos nas cidades e municipios, cun aumento exponencial do protagonismo do vehículo privado e un uso ineficiente do mesmo; tendencia insustentable para manter ás cidades como motor da economía. Por iso, os PMUS tratan de cambiar o comportamento nas pautas de mobilidade dos cidadáns, mediante propostas de actuación cuxa implantación promove modos de desprazamento máis sustentables desde o punto de vista ambiental, tales como a mobilidade peonil, en bicicleta e o transporte público, a través de estratexias integradas, sen ser incompatible co crecemento económico e cunha coordinación equilibrada entre os usos do chan e a mobilidade.  

 Como obxectivos xenerais máis relevantes dos Plans de Mobilidade Urbana Sustentable, para conseguir o novo patrón de mobilidade nos municipios, podemos destacar os seguintes:  

· Optimizar os desprazamentos. 
· Promover o uso racional do vehículo privado. 
· Priorizar e mellorar os modos non motorizados (peonil e ciclista). 
· Priorizar e mellorar o transporte público interurbano.  

 Estes modelos de PMUS - engaden desde Xestión Democrática - son os que teñen cidades como Santiago de Compostela, A Coruña,... Estes plans son adaptados os concellos e temos como exemplos Lalín, Vilagarcía, Ribeira e Redondela, e temos un exemplo moi cércano como e concello veciño do Rosal que principios de ano contrataba unha empresa para a súa elaboración, todo isto grazas a subvencionada pola Deputación de Pontevedra mediante unha liña   de subvencións creada para que os concellos redacten os PMUS como ferramenta fundamental para a planificación e toma de decisións, así como para poder acceder a fondos europeos de mobilidade sustentable.  

 En palabras do presidente local de Xestión Democrática, Xermán Cordero Verde estamos no momento idóneo para plantexar a mobilidade que queremos para o presente da Guarda, e temos unha gran axuda que non deberiamos perder co apoio da Deputación de Pontevedra.   

O ROSAL

COMPOSTAXE NO CAMPAMENTO DE VERÁN  



Infogauda / O Rosal

 O executivo municipal do Concello do Rosal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís ven de facer público que as rapazas e rapaces do campamento de verán estiveron co mestre composteiro aprendendo a empregar axeitadamente o composteiro que teñen no patio da escola unitaria de Marzán.  

 Fixeron un pequeno repaso de como usalo e puidemos ver que moitos deles saben empregalo perfectamente xa que dispoñen de composteiros individuais nas súas casas ou son usuarios dos que hai nas escolas ás que asisten durante o curso académico.  

 Nesta actividade puideron comprobar que a compostaxe, o proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar mediante o que se obtén como produto final o compost, é unha tarefa sinxela que ademais posúe moitas vantaxes:      

· Contribúe a reducir o volume de residuos producidos mediante a reciclaxe da materia orgánica en orixe.    

· Reduce a frecuencia de recollida dos contedores xenéricos de lixo por parte dos servizos municipais diminuíndo o custo económico que comporta a xestión do lixo.    

· Proporciona compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. 

 "No concello do Rosal contamos con máis de 400 composteiros individuais repartidos polas casas e centros de ensino. Tamén dispoñemos dun composteiro comunitario para que o feito de non ter terreo nas nosas vivendas non sexa un impedimento á hora de contribuír á compostaxe.  

 E ti, unícheste xa á compostaxe doméstica? Se aínda non o fixeches, no Concello dispoñen de composteiros individuais para aquelas persoas que os soliciten. Ademais, contarás coa axuda do mestre composteiro que vai asesorarte e resolver todas as dúbidas que poidas ter sobre a compostaxe. Anímate! 

 Aproveitamos para compartir o manual do plan Revitaliza sobre compostaxe doméstica onde poderás comprobar que contribuír a xerar menos residuos é moi doado e todos podemos facelo".

DEPORTES

CICLISMO

O XXVIII TROFEO PISTA AS FAIAS FOI PRESENTADO NO CONCELLO DO ROSAL

Esta proba terá lugar o vindeiro 17 de agosto ás 17:00 horas no circuito do mesmo nome en San Xoán Tabagón – O Rosal 
A alcaldesa do Rosal - no centro da imaxe - e o concelleiro de deportes - a der. - co presidente e directivos do C. C. O Rosal
Foto C.O.R.
Infogauda / O Rosal

 O salón de plenos do Concello do Rosal acolleu a presentación do XXVIII Trofeo Pista as Faias, coa presenza da alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, do concelleiro de Deportes, Germán Fernández Rodríguez e membros da directiva do Club Ciclista O Rosal, Gerardo Álvarez, José Ramón Villa e Eva Lomba. 

 Esta proba terá lugar o vindeiro 17 de agosto ás 17:00 horas no circuito do mesmo nome en San Xoán Tabagón – O Rosal, contando este ano con máis de 70 participantes nas diferentes categorías: promesas, principiantes, alevíns, infantís e cadetes. 

 Na inauguración contarase coa alcaldesa e con Daniel Benavides, Xefe de Servizo de Deportes de Pontevedra.

 Dende o Concello do Rosal agradecen o Clube Ciclista O Rosal a súa implicación desde fai anos no ámbito deportivo do noso municipio, inculcando desde pequenos o esforzo e a paixón polo deporte das dúas rodas.

OIA

Concerto de Lucía Pérez e A Roda 

Este venres día 16 de agosto, ás 23:00 horas, no adro da igrexa parroquial de Oia

  

 Infogauda / Oia

 O casco histórico de Oia encherase de música a noite deste venres 16 de agosto, a partires das 23:00 horas, no adro da igrexa parroquial de Oia, preto do Mosteiro, co concerto gratuíto A Roda da Igualdade. Un proxecto no que a artista Lucía Pérez e o grupo A Roda, xuntos queren amosar exemplos de música popular con discursos alonxados do discurso machista e misóxino e amosando un novo imaxinario e un novo discurso: o da igualdade.  

 O concerto reunirá á cantante galega Lucía Pérez, representante de España no Festival de Eurovisión de 2011, e máis ao coñecido grupo de música tradicional A Roda.

 No concerto, organizado polo Concello de Oia e coa colaboración de Política Lingüística da Xunta de Galicia, haberá un espazo con cadeiras para que as persoas do público que o desexen poidan gozar do espectáculo sentadas.

REDONDELA

Vía Láctea Filmes inicia a rodaxe da película ‘María Solinha’ na ría de Vigo co apoio económico da Xunta  

O director da Agadic participou na presentación da nova longametraxe de Ignacio Vilar, que contará cunha achega da Consellería de Cultura e Turismo superior aos 195.000 euros a través das subvencións á produción e coprodución audiovisual

Redondela, Cangas e a Illa de Toralla serán as localizacións desta historia protagonizada polas novas actrices Grial Montes e Laura Míguez 


A produtora galega Vía Láctea Filmes presentou hoxe o inicio da rodaxe da súa próxima película, María Solinha
Foto: X.G. 

Infogauda / Redondela

  A produtora galega Vía Láctea Filmes presentou hoxe o inicio da rodaxe da súa próxima película, María Solinha, que se desenvolverá do 19 de agosto ao 20 de setembro en diferentes localizacións de Redondela, Cangas e a Illa de Toralla co apoio económico da Xunta de Galicia, entre outras achegas. En concreto, o novo filme do realizador Ignacio Vilar é o adxudicatario de 195.171 euros na última convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais, que a Consellería de Cultura e Educación xestiona anualmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).  

 Na presentación que tivo lugar este mediodía na lonxa do porto de Cesantes, en Redondela, o director da Agadic, Jacobo Sutil, detallou que este é un dos 17 títulos que recibirán axuda como resultado da convocatoria de 2019, dotada con dous millóns de euros para impulsar a realización de novas producións e coproducións de contido cultural galego para cinema e televisión. Engadiu, ademais, que este investimento suporá mobilizar 5,3 millóns de euros no sector audiovisual como resultado da suma dos orzamentos de todos os proxectos subvencionados. 

Aposta polos profesionais galegos  

 María Solinha é un dos títulos subvencionados na modalidade dirixida a longametraxes de ficción para a gran pantalla, de autoría galega e que contribúan a resaltar a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do noso audiovisual, ademais de posuír unha alta capacidade para a súa difusión nacional e internacional. “Non me cabe dúbida de que, como constatou a comisión independente que se encargou de avaliar os proxectos presentados este ano ás subvencións da Agadic, o novo filme de Ignacio Vilar reúne todas estas características, tanto desde o punto de vista do seu valor artístico, como desde o seu compromiso con Galicia, cos profesionais do noso audiovisual e co noso idioma”, sinalou Sutil.  

 O director da Agadic acompañou o director de María Solinha e as actrices Grial Montes e Laura Míguez nesta rolda de prensa, na que tamén participaron os representantes do resto das institucións colaboradoras nesta produción de Vía Láctea Filmes con Televisión de Galicia.  

 Sutil incidiu, ademais, na oportunidade que Ignacio Vilar lles ofrece en cada novo proxecto ás novas xeracións galegas de intérpretes, como é o caso de Grial Montes –no papel da María Solinha do século XXI– e de Laura Míguez, á cabeza dun elenco do que tamén forman parte Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”, Sheyla Fariñas, Fernando González, Alfonso Agra, Mela Casal, Fran Lareu, Melania Cruz e Jorge Varandela.  

 A nova historia que Vía Láctea Filmes levará á gran pantalla arranca cando un afamado director de teatro chega a Cangas para reconstruír a lenda de María Solinha, unha viúva rica acusada de bruxería pola Inquisición a principios do século XVII. Os seus intérpretes serán os propios veciños da comarca, que se embarcan nesta aventura con paixón. Mais o teatro e a realidade comezarán a mesturarse de tal maneira que as protagonistas chegarán a experimentar nas súas carnes os ecos da agresión que sufriu a María Solinha orixinal.

LABORAL

Os sindicatos estatais tamén asinan unha redución de soldos en Servicios Securitas 

Mediante a absorción no SMI dos pluses de transporte e vestiario


Infogauda / Galiza

 Ao igual que en ESC Servicios Generales, empresa multiservizos do grupo Prosegur, as centrais estatais CCOO, UGT e USO asinaron un colectivo en Servicios Securitas, empresa multiservizos da outra gran compañía española de seguridade, que se traducirá nunha perda salarial de 52 euros mensuais para 4.000 traballadores/as en todo o Estado, uns 200 en Galiza.  

 Tamén como na multiservizos de Prosegur, o acordo coa dirección contempla a absorción dentro do SMI de conceptos extrasalariais como os complementos de transporte e vestiario, contradicindo o que CCOO e UGT sosteñen en público.

 Segundo explica o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, a última subida aprobada do SMI provocou un incremento importante nas nóminas do persoal, xa que este tipo de empresas caracterízanse polos baixos salarios e a precariedade.  

 Mais aos 900 euros do SMI habería que sumarlle os pluses de transporte e vestiario, polo que o soldo mensual pasaría a 952 euros, algo que non contempla o convenio colectivo asinado.  

 Diante disto, adianta que a central adoptará as medidas oportunas para garantir que se lle aplique o novo SMI a todos os traballadores/as de Servicios Securitas sen incluír os pluses.

CRECENTE

PRESENTACIÓN DO LIBRO "DÉIXATE DE CONTOS", DE BERTO PIRATA

Venres 16 de agosto, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Crecente



LABORAL

A CIG ESIXE  A MEDIO RURAL  DOCUMENTACIÓN DA CONTRATA A TRAGSA PARA MATERIAIS E VEHÍCULOS DAS NOVAS BRIGADAS DO SPIF 

A CIG ven de rexistrar escrito perante a secretaría xeral Técnica de Medio rural esixindo documentación da contrata que recentemente fixo con TRAGSA no referente aos materiais e vehículos das novas Brigadas do SPIF. 


  Logo da recente incorporación do persoal de Brigadas no SPIF, de nova contratación, coñecemos algúns datos unha vez os tivemos diante dos nosos ollos, diante da total opacidade e descontrol en tódolos eidos que nos Brindou a Consellería do medio rural nestas últimas semanas.   

 Ate o de agora, no que aos materiais e vehículos para o SPIF se refire, dende a Secretaría xeral técnica do Medio Rural escolléranse procedementos abertos onde alomenos coñeciamos as condicións técnicas dos materiais e vehículos que se esixían. Desta vez para esquivar as mínimas garantías , a Consellería do Medio Rural decantouse por utilizar un subterfuxio legal e acóllense un artigo da lei 9/2017 de contratos do sector público que habilita este tipo de encomendas a empresas que teñen consideración de medio propio, tal e como é neste caso TRAGSA, tal e como recolle a orde de execución de encargo asinada pola Secretaría xeral técnica con data de 20 de Maio de 2019.  

 Ao final, e sen a máis informacións que esta execución de encarga, vemos que tanto nos vehículos como nos materiais se escolleron opcións diferentes e de peores calidades que para o resto de persoal do SPIF. Non entendemos esta diferenciación de materiais entre  o persoal. 

 Así o que nun principio nos parece unha boa nova como é a contratación de  máis persoal para o SPIF, se converteu coa nefasta xestión da Xunta nunha chapuza en maiúsculas a tódolos niveis, tanto nos niveis técnicos, como administrativos e económicos.  

 En canto ás condicións técnicas, logo de analizar os EPI´S, podemos dicir que cumpren as condicións mínimas de seguridade, pero baixan a calidade de materiais con respecto aos óptimos sobre todo no que ás fundas e calzado se refiren, a maiores de xerar unha diferenciación innecesaria e contraproducente na extinción. 

 Nos vehículos, optar polo modelo antigo que se utilizaba no SPIF, xa sustituído actualmente por mellores accións , e a carencia de equipo de extinción -como si ten o resto do persoal- amósanos que seguramente a improvisación fose o principal actor neste desaguisado. Esiximos no noso escrito que se aclare por que se escolleron e con que avais ou esixencias técnicas materiais e vehículos.

 No económico, a CIG xa presentara por tódalas vías á Consellería, unha fórmula que permitía aforra a metade do que finalmente se gastou - en total arredor de millón e medio de euros-. Tal e como propuxeramos, duplicando as brigadas actuais, utilizarían os mesmos vehículos e instalacións que as Brigadas xa existentes, polo que non entendemos como se escolleu esta fórmula que despilfarra arredor dun millón de euros, a meirande parte do cal son so para esta campaña de 2019. 

 A maiores, no que aos EPI´S se refire, mesmo custe con peores resultados.  

 Esiximos tamén, que se nos aclare por que se escolleu esta fómula, e con que avais técnicos que a recomendaran.  

 En definitiva, unha proposta - a de reordenación do SPDCIF- que foi presentada en Abril de 2018 ás organizacións sindicais, e que rematou cunha xestión desastrosa a tódolos niveis - mesmo na xestión do persoal-  tendo tempo mais que suficiente para que houbera unha optimización dos recursos. 

 Os responsábeis deben dimitir.

CAMINHA

CINEMA

Cinema + Perto: “Primeira Rodada”

Hoje às 21:45 no Teatro Valadares



 Locus Cinemae / Caminha

 “Primeira Rodada”: Documentário de Catarina Neves sobre o recente movimento cervejeiro português em estreia nacional. Um registo também ele pioneiro, um olhar sobre um “pequeno passo para a cerveja universal, um enorme passo para um o cidadão comum português”.