COMPOSTAXE NO CAMPAMENTO DE VERÁN
Infogauda / O Rosal
O executivo municipal do Concello do Rosal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís ven de facer público que as rapazas e rapaces do campamento de verán estiveron co mestre composteiro aprendendo a empregar axeitadamente o composteiro que teñen no patio da escola unitaria de Marzán.
Fixeron un pequeno repaso de como usalo e puidemos ver que moitos deles saben empregalo perfectamente xa que dispoñen de composteiros individuais nas súas casas ou son usuarios dos que hai nas escolas ás que asisten durante o curso académico.
Nesta actividade puideron comprobar que a compostaxe, o proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar mediante o que se obtén como produto final o compost, é unha tarefa sinxela que ademais posúe moitas vantaxes:
· Contribúe a reducir o volume de residuos producidos mediante a reciclaxe da materia orgánica en orixe.
· Reduce a frecuencia de recollida dos contedores xenéricos de lixo por parte dos servizos municipais diminuíndo o custo económico que comporta a xestión do lixo.
· Proporciona compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo.
"No concello do Rosal contamos con máis de 400 composteiros individuais repartidos polas casas e centros de ensino. Tamén dispoñemos dun composteiro comunitario para que o feito de non ter terreo nas nosas vivendas non sexa un impedimento á hora de contribuír á compostaxe.
E ti, unícheste xa á compostaxe doméstica? Se aínda non o fixeches, no Concello dispoñen de composteiros individuais para aquelas persoas que os soliciten. Ademais, contarás coa axuda do mestre composteiro que vai asesorarte e resolver todas as dúbidas que poidas ter sobre a compostaxe. Anímate!
Aproveitamos para compartir o manual do plan Revitaliza sobre compostaxe doméstica onde poderás comprobar que contribuír a xerar menos residuos é moi doado e todos podemos facelo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario