31 de dec. de 2019

CRECENTE

PRESENTACIÓN DO LIBRO ELEFANTES DE PAPEL II

O vindeiro sábado, 4 de xaneiro ás 20:00 horas, no auditorio municipal de Crecente

María Salinas e Berto Pirata, asinando exemplares de Elefantes de papel

Infogauda / Crecente

 O vindeiro sábado, 4 de xaneiro ás 20:00 horas, terá lugar no auditorio municipal de Crecente a presentación do libro solidario Elefantes de papel II, un proxecto ambicioso que naceu en 2017 da man de dous tolos soñadores, María Salinas e Berto Pirata. 

 Naquela ocasión Elefantes de papel levou a cabo cincuenta e dúas presentacións colaborando coa ONCE que traduciu o libro a Braille e visibilizando en cada unha delas a cincuenta e dous colectivos como Stop Accidentes, Queremos  Galego MarínConrazones, de A Guarda ou Protectora do Morrazo, etc. Con todo o recadado viaxaron á illa de Lesbos onde estiveron a colaborar con varias asociacións relacionadas coa axuda ao refuxiado. 

 Agora os Elefantiños comezan unha nova etapa máis ambiciosa dedicada á figura da muller. De xaneiro a xuño levarán a cabo diversas presentacións nas catro provincias galegas. 

 Durante os meses de xullo e agosto percorrerán as cincuenta e dúas capitais de provincia españolas nunha furgoneta que xa están camperizando coa intención de recadar fondos para dúas mulleres emprendedoras e comprometidas, Gema Carrasco, activista madrileña nos campos de refuxiados de Grecia, e Esther Rey, implicada na defensa dos animais, e tamén para a asociación Conrazones de A Guarda, que funciona grazas ao traballo desinteresado dun grupo de voluntarias, na súa maioría mulleres. 

 Os Elefantiños cóntannos que, do mesmo xeito que no 2017, o libro de relatos curtos en galego e castelán está escrito co corazón, coas ganas de achegar o seu gran de area nunha sociedade na que quedan moitas cousas por facer e onde mirar para outro lado non é unha opción. Avísannos de que, nesta ocasión, a implicación da xente é imprescindible e irannos informando puntualmente o proxecto na súa páxina de Facebook Elefantes de papel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario