1 de xan. de 2020

PONTEVEDRA

O 2020 SERÁ O ‘ANO REVITALIZA’: TODOS OS CONCELLOS ADHERIDOS NA PROVINCIA ESTREARÁN CENTROS COMUNITARIOS E COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS   

O 2019 pechou con datos á alza, con 127 composteiros comunitarios instalados e 5.545 individuais repartidos, para chegar neste exercicio a 170 comunitarios e preto de 7.100 individuais

Mestra composteira do Plan Revitaliza, promovido pola Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 Que a compostaxe se está a converter en algo global na provincia é algo anunciado e comprobado con datos. No ano 2019 a Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Plan Revitaliza tiña repartidos 127 centros de compostaxe comunitaria e outros 5.545 composteiros individuais nos concellos. Estes números medrarán significativamente no ano que acaba de comezar, facendo que a veciñanza composteos seus biorresiduos en ata 170 centros comunitarios e en preto de 7.100 individuais, según as contas do persoal técnico provincial.   

 O obxectivo é que o 2020 se convirta no ‘Ano Revitaliza’ e, por un lado, que os concellos que aínda non deron pasos adiante se animen e comproben as bondades do modelo, e por outro, que aqueles que xa están máis adiantados sigan avanzando para consolidar a súa xestión e cumprir as obrigas legais canto antes. A cidadanía, ademais, está a empurrar para que as administración locais sexan máis sostibles, xa que na maior parte dos concellos onde se fixeron xornadas informativas sobre compostaxe, creáronse listas de agarda de veciños e veciñas. Estes amosaron o seu interese en reciclar o lixo orgánico en futuros centros de compostaxe comunitaria (CCC)e en ter composteiros individuais (COIN).  

 Os concellos nos que máis se están a notar os resultados da compostaxe e a súa influencia na reciclaxe do resto das fraccións son os que están a traballar na coñecida como Liña 2: os que recibiron axudas económicas da Deputación para extender o sistema con medios de titularidade municipal. O caso de Vilaboa vai incluso máis adiantado, xa que ademais de ser o que proporcionalmente ten máis composteiros repartidos, está a traballar na modificación da ordenanza de lixo. Alí están instalados 14 centros de compostaxe e a previsión é chegar aos 1.200 composteiros individuais entregados ás e veciños con casas con horta.  

 En Pontevedra as cifras en 2020 pasarán dos 25 centros de compostaxe actuais a 30, chegando aos 800 composteiros individuais repartidos no exercicio. No Grove a previsión é ter 11 CCC e alcanzar os preto de 600 individuais; mentres que en Mondariz e Mondariz Balneario prevense 13 e 10 CCC, e 900 composteiros individuais e 100, respectivamente. No caso de As Neves os centros comunitarios instalados manteranse nos cinco actuais e os COIN a entregar subirán aos 1.104.  

 Nas novas incorporacións de concellos á Liña 2, o obxectivo é que Poio instale o seuprimeiro comunitario e preto dun cento de individuais, para seguir coa Illa de Arousa, que subirá a tres os CCC e chegará ata os 715 COIN repartidos. Tomiño, pola súa banda, ampliará a tres os comunitarios e chegará a 300 os individuais.   

Ampliar e estrear 

 Outro dos obxectivos da equipa Revitaliza provincial, coas mestras e mestres composteiros á fronte facendo o traballo técnico e de concienciación porta a porta da veciñanza, será aumentar as instalación de centros comunitarios nos concellos que xa dispoñen de algúns –aínda que a través de cesión da institución provincial-, co obxectivo de que cada vez os gobernos locais sexan máis autónomos e se encarguen do mantemento. Nesta situación estarán Vilagarcía, Portas, Campo Lameiro, Barro, Cambados, Ribadumia, Sanxenxo, Lalín, Cerdedo-Cotobade, Bueu, Cangas, Moaña, Soutomaior, Redondela, Baiona, Dongomar, O Porriño, Tui, Oia, O Rosal, e Ponteareas. Salceda de Caselas, pola súa banda, está xa no límite dos cinco centros de compostaxe propiedade da Deputación e deberá dar o salto de maneira inminente á Liña 2 para continuar con medios da súa titularidade.  

 Finalmente, e para que todos e cada un dos 44 concellos adheridos comproben as bondades do modelo, a Deputación traballará nos vindeiros doce meses para que os que non teñen ningún CCC se volvan proactivos e dean os seus primeiros pasos. Desta maneira, concellos como Valga, Catoira, Cuntis, Meis, Rodeiro, Vila de Cruces, Silleda, Ponte Caldelas, Marín, A Guarda, Covelo, Salvaterra ou Poio, deberán contar co seu primeiro centro de compostaxe.  

 Existe normativa galega, estatal e europea que obrigará a reciclar o 50% do lixoneste ano 2020 e que en breve será necesario recoller e tratar de forma separada o 100% da fracción orgánica ben mediante compostaxeououtras vías sustentables. Neste sentido, a Deputación dará unha oportunidade a todos os concellos para avanzar, pero será fundamental, e incluso imprescindible, a implicación municipal, xa que sen ela advírtese de que haberá que reestudar a adhesión ao Revitaliza, para priorizar e concentrar esforzos e medios nos concellos que realmente queren aplicar o plan de forma seria. 

 Aqueles municipios que non dean pasos adiante pasarán a estar fóra do programa de compostaxe, engrosando a lista que forman Moraña, Vilanova, Meaño, Golada, Dozón, Estrada, Forcarei, Pazos, Fornelos, A Lama, Mos, Nigrán, Arbo, Cañiza e Crecente, que a día de hoxe nin están no Revitaliza nin contan cun plan específico para cumprir a nova normativa europea, xunto ao Concello de Vigo, fóra do cómputo ao non poder estar dentro do plan provincial polo seu número de habitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario