3 de nov. de 2019

SANIDADE

O Sergas adxudica por preto de 1,4 millóns de euros a adquisición de 261 desfibriladores e 27 ecógrafos destinados a centros de saúde  

Este novo equipamento está incluido dentro das medidas a curto prazo comprometidas no Plan de Atención Primaria

Comezarán a instalarse neste mes de novembro 

A adquisición deste novo equipamento electromédico é un dos compromisos adquiridos polo departamento sanitario autonómico no Plan Galego de Atención Primaria
Foto: X.G.
 
Infogauda / Galicia
 
 O Servizo Galego de Saúde vén de adxudicar á empresa Comercial Hospitalaria Grupo-3, S.Ll, a contratación da subministración de 261 desfibriladores destinados aos centros de saúde da rede sanitaria pública, por un importe total de 1.051.275 euros. En canto aos 27 ecógrafos, adxudicáronse á firma Celta Ingenieros S.L, cun importe total de 343.035 euros.  

 A adquisición deste novo equipamento electromédico é un dos compromisos adquiridos polo departamento sanitario autonómico no Plan Galego de Atención Primaria, como unha das medidas a curto prazo.  

 Esta contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación no ámbito da atención primaria do Sergas, mediante a renovación do material electromédico obsoleto das consultas de atención primaria, así como a dotación do equipamento necesario de acordo coa carteira de servizos do centro.  

 Dos 261 desfibriladores, 44 unidades irán destinadas a centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés; 18 a centros de atención primaria da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 50 a centros de saúde da área sanitaria de Vigo; 45 a centros de saúde pertencentes á área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; 80 a centros de atención primaria da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 16 aos da área sanitaria de Ferrol e 8 a centros de saúde da área sanitaria da Coruña e Cee.  

 Os novos desfibriladores que se subministrarán aos centros de saúde do Sergas contan con especificacións técnicas que marcan un nivel de equipo adecuado para un centro de atención primaria, como son a alta enerxía entregadas polas pas para a desfibrilación, a adquisición de ECG (electrocardiograma) a través de pas e a través de cable de paciente permitindo a súa monitoraxe, o rexistro e o almacenamento dos sucesos (en modo manual e semiautomático), así como a incorporación de pas externas reutilizables de uso en pacientes adultos e pediátricos.  

 No referido aos 37 ecógrafos, 3 están destinadas a centros de saúde da área sanitaria da Coruña e Cee; 1 para a de Ferrol, 3 para a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 5 para á área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; 3 para a de Vigo; 7 para a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e 5 para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario