14 DE NOVEMBRO: DÍA MUNDIAL DA DIABETES
É fundamental a detección precoz, unha alimentación saudable, e a práctica de deporte habitual
É fundamental a detección precoz, unha alimentación saudable, e a práctica de deporte habitual
Durante estes días o
Concello do Rosal iluminará de azul os seus edificios
públicos
Foto: C.O.R.
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Día Mundial da Diabetes celébrase cada ano o 14 de novembro. Escolleuse esta data xa que foi o aniversario da idea que levou ao descubrimento da insulina, en outubro de 1921.
O
Concello do Rosal, disposto sempre a dar visibilidade e traballar
conxuntamente coas asociacións que loitan polos dereitos das persoas
afectadas, durante estes días iluminará de azul os seus edificios
públicos e compartirá na súa web e redes sociais a información sobre a
enfermidade para que toda a poboación tome conciencia desta enfermidade
que afecta a case un 14% da poboación en España.
Durante todo o ano, diferentes entidades como a Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia (ANEDIA), loitan contra o incremento da prevalencia da diabete e as súas complicacións, mediante actividades de concienciación, campañas e programas.
Desde ANEDIA apostan por un estilo de vida saudable e poñen ao dispor da poboación as ferramentas necesarias para previr a diabetes e as súas complicacións asociadas, así como para levar un bo control da diabetes.
A diabetes é unha enfermidade metabólica caracterizada por elevados niveis de azucre (glucosa) en sangue. A insulina é unha hormona que fabrica o páncreas e que permite que as células utilicen a glucosa do sangue como fonte de enerxía. Un fallo da produción de insulina, xera un aumento dos niveis de glucosa no sangue (hiperglucemia).
De non controlarse adecuadamente, a longo prazo, a presenza continua de glucosa alta no sangue pode provocar alteracións na función de diversos órganos, especialmente os ollos, os riles, os nervios, o corazón e os vasos sanguíneos. Segundo un estudo publicado, os datos demostran que o 13,8% dos españois maiores de 18 anos ten diabetes tipo 2, o que equivale a máis de 5,3 millóns de persoas.
É moi importante destacar a gran proporción de persoas que descoñecen que presentan diabetes. O atraso en descubrila implica que cando se diagnostica a enfermidade o 50% presenta algunha complicación.
É fundamental a detección precoz, unha alimentación saudable, e a práctica de deporte habitual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario