Traballadores/as de Barreras e delegados/as da CIG marchan até a Xunta en Vigo en demanda dunha solución á crise do estaleiro
O comité convocou un paro de catro horas que foi secundado polo 100% do persoal
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
Traballadores/as de Barreras e delegados/as sindicais da CIG marcharon hoxe en manifestación até a Xunta en demanda dunha solución á grave crise que atravesa o principal estaleiro privado do Estado español tras a súa entrada en preconcurso de acredores. O comité de empresa convocou tamén un paro de catro horas que foi secundado polo 100% do cadro de persoal.
A manifestación convocada pola CIG arrincou ás 11:15 horas das instalacións de Barreras en Beiramar e rematou diante da delegación da Xunta, onde o secretario comarcal da central nacionalista, Alberto Gonçalves, se dirixiu aos centos de traballadores/as e delegados/as sindicais que participaron na mobilización.
Durante o percorrido berráronse consignas como “Barreras solución, Xunta implicación”, “Xunta, escoita, Barreras está en loita” ou “Sector naval, solución”. Ao mesmo tempo, o comité de empresa do estaleiro vigués chamou os empregados/as a secundar un paro de catro horas que tivo un seguimento total.
Na súa intervención xa diante da Xunta, Gonçalves sinalou que con esta nova mobilización protagonizada pola CIG non só se pretende reclamar unha solución para Barreras, senón tamén para o conxunto do sector naval da Ría de Vigo, que atravesa unha situación crítica que mesmo ameaza a súa supervivencia. Lembrou que dos 10.000 traballadores/as que chegou a empregar na actualidade non quedan máis de 2000. “Atopámonos diante dunha auténtica desfeita dun sector que representa un piar fundamental da economía da comarca”, denunciou.
O responsábel sindical criticou que tras a “morte anunciada” de Vulcano agora sexa Barreras “o que se vai a pique por unha mala xestión empresarial e polo desleixo e a inacción da Xunta, que non fai nada a pesar de que ten plenas competencias en materia industrial”.
Diante disto, anunciou que a central seguirá a mobilizarse na rúa, “como vén facendo dende hai un mes”, para esixir unha solución urxente, “que se non chega do ámbito privado terán que ser as Administracións públicas as que teñan que facerse cargo da xestión dun estaleiro que era público antes de ser privatizado polo Goberno español de Aznar para entregarllo a catro amigos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario