NON A VENDA DE POVISA
POLA INTEGRACIÓN NA SANIDADE PÚBLICA
TEXTO ÍNTEGRO DO MANIFESTO LIDO AO REMATE DA MANIFESTACIÓN
Deste xoves, 24 de outubro de 2019
Boas noites a todas e a todos. Grazas por acudir a esta manifestación convocada pola maioría do Comité de Empresa de POVISA e a Plataforma SOS Sanidade Pública.
Esta manifestación é unha oportunidade para que a cidadanía da área sanitaria de Vigo poida reclamar o seu dereito a ter unha asistencia sanitaria 100% pública.
Rexeitamos a venda de POVISA a unha empresa aseguradora dos Estados Unidos de América, por ser unha grave ameaza para a nosa sanidade pública.
Temos que converter esa ameaza en oportunidade, a oportunidade de que toda a cidadanía da nosa área teña un hospital público de referencia.
POVISA estivo a negociar coa Corporación Centene este contrato de venda mentres presionaba á Xunta, ao persoal e á poboación coa quebra. Anunciou un Pre-concurso de Acredores grazas ao que conseguiu unha importante mellora no pago por habitante, ao descontar un elemento importante como é a medicación de alto impacto.
O grupo ao que pertence o hospital POVISA admitiu que mantivo desde hai algún tempo negociacións co Grupo Ribera Salud para a venda do centro.
Núñez Feijóo e o seu goberno ou son cómplices desta trama ou son uns incapaces.
Coa autorización desta venda Núñez Feijóo leva ao extremo en Vigo a súa política de poñer en mans norteamericanas os recursos sanitarios públicos de Galicia (a Cardioloxía do hospital Xeral de Galicia foi cedida á multinacional Medtronic e a investigación hospitalaria á farmacéutica Johnson and Johnson).
A Xunta pode, en base ás axudas continuadas a este centro privado non autorizar a venda e exercer o seu dereito a unha compra polos 24 millóns de euros polos que oficialmente se vende (un autentico agasallo) que podería afrontar coa cuarta parte do Fondo de Continxencia da Xunta, que é de case 80 millóns, co que evitaría o endebedamento.
O contrato deberá ser aínda revisado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).
Non sabemos se este agasallo vai acompañado doutras compensacións, dado que se descoñecen os termos do contrato. Hai que lembrar que POVISA recibe uns 84 millóns euros anuais da Sanidade Pública galega.
A aseguradora estadounidense Corporación Centene (propietaria de Ribera Salud) que será a nova dona de POVISA xa ten demostrado que non é de fiar:
• A Consellería de Sanitat Valenciana detectou no Hospital de Alzira, do grupo Ribera Salud, sobre custos de 2,6 millóns de euros por irregularidades na atención de urxencias, por facturas inchadas e por dobre facturación.
• A Fiscalía de Valencia solicitou a imputación dos principais directivos desta compañía por cobrar comisións por vendas de material sanitario dos seus provedores que trasladaba á administración valenciana sen as rebaixas correspondentes. Esta práctica foi cualificada de presunto delito de malversación de fondos públicos e prevaricación polos tribunais.
• O informe da Intervención Xeral 2003-2012 da Comunidade Valenciana denunciou problemas de opacidade, ausencia de control e mesmo conivencia da Generalitat coas empresas adxudicatarias, como consecuencia da falta de fiscalización da actividade do centro.
• A aseguradora Centene pechou a súa filial Kentucky Medicaid coa que xestionaba o Servizo de Saúde dese Estado, despediu a todo o seu persoal e cesou a súa actividade deixando sen servizo sanitario a 140.000 pacientes.
A compra de POVISA por Centene incrementa o risco de privatización da sanidade publica galega dado o enorme peso e poder desta multinacional aseguradora, moi superior ao dos actuais donos de POVISA:
• Centene ocupa o posto número 51 das empresas máis potentes dos Estados Unidos e está investindo tamén en outros países como Chile, Perú ou Eslovaquia.
• O xigante de EE. UU. pretende cambiar o noso modelo sanitario ao anunciar que aposta por un modelo de xestión onde a Administración financia, controla e é a dona do sistema; mentres eles operan como unha "franquía" que asegura a "boa xestión".
Ribera Salud posúe os hospitais de Torrevieja, Denia, e Elxe na Comunidade Valenciana e o de Torrejón, en Madrid, grazas aos apoios do PP en ambas comunidades. Concessia posúe o 10% das accións deste hospital e á vez forma parte das empresas accionistas da Concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, o que supón que a totalidade da atención hospitalaria de Vigo estea controlada por esta empresa (monopolio do servizo sanitario público de Vigo).
Aínda que POVISA tivo unha gran capacidade para influenciar as decisións e recursos da Sanidade Pública de Vigo, Centene terá aínda máis poder para condicionar e chantaxear á administración sanitaria pública.
No proceso de reversión de Alzira á sanidade pública, a compañía estadounidense xa presionou ao embaixador español en Washington para frear o proceso de rescate da Generalitat, como consecuencia o embaixador de Estados Unidos en España advertiu das consecuencias negativas que tería para a Comunidade Valenciana a reversión da concesión a Ribera Salud.
É impensable que despois dos 3 a 5 anos de vixencia que restan do Concerto actual, Centene acepte rematalo. Tamén é impensable que nestes anos a Consellería de Sanidade dote á sanidade pública dos recursos suficientes para poder asumir a atención das 137.000 persoas que POVISA atende na actualidade.
Unha multinacional non inviste nun hospital en perdas, polo que é previsible que, cando consolide a súa posición, adopte algunhas medidas para manter o negocio:
1.- Reducir persoal aplicando un ERE e recortar as súas condicións salariais e laborais. Os traballadores de Alzira tiñan peores condicións laborais cos traballadores do sistema público: Menos persoal, 200 horas mais de traballo ao ano e un soldo un 15% inferior. O persoal facultativo tiña unha xornada anual un 12% superior e unha retribución un 11,5% inferior que o estatutario.
2.- Reducir oferta e calidade das prestacións a súa poboación de referencia.
O presidente de Centene deixou recentemente claro que quere “cambiar a forma en que as persoas experimentan a atención médica para que sexa máis simple, mellor e de menor custo". Centene é unha aseguradora especializada en xestionar servizos de Atención Primaria e Ribera Salud conseguiu a integración da mesma no hospital de Alzira. Por iso é previsible que pretenda facerse cos centros de saúde da área para controlar o fluxo de pacientes ao seu hospital
3.- Obter novas axudas da administración como vén facendo desde sempre POVISA pola súa conivencia coa administración.
Axudas como as que veñen de anunciar: un acordo que nos custará un millón de euros, para que POVISA faga intervencións cirúrxicas da lista de espera da EOXI de Vigo. Cando POVISA ten unhas listas de espera moito maiores que a EOXI... un premio á ineficiencia. Ese millón de euros tería que ir destinado á sanidade pública para que reforzara a súa capacidade asistencial e poder recortar así a súa propia lista de espera.
En base a estes feitos, parece máis que razoable que o SERGAS non debera autorizar esta venda á Corporación Centene e exercer o seu dereito de compra en base ao interese xeral para a saúde pública de Vigo, para defender os postos de traballo e a calidade asistencial xa desde o ámbito do público.
A Comisión Europea definiu o interese xeral europeo como "satisfacción das necesidades básicas dos cidadáns e a preservación de bens públicos, cando o mercado falla".
Desde a maioría do Comité de Empresa de POVISA e a Plataforma SOS Sanidade Pública rexeitamos esta compra por unha contía mínima e denunciamos a perda de oportunidade da Xunta de adquirir POVISA por 24 millóns de euros, garantindo a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo.
A compra de POVISA por parte da Consellería de Sanidade permitiría garantir unha prestación sanitaria a toda a poboación da área sanitaria de Vigo desde o sistema público e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados.
Vigo, 24 de outubro de 2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario