2 de out. de 2019

LABORAL

MEDICIÓNS DE RADÓN NA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA EN GALIZA 
 


Xosé Barreiro Pérez* / Vigo

 Por medio do presente quixeramos trasladar aos medios de comunicación da provincia de Pontevedra a preocupación existente en esta central sindical e, concretamente no sector de xustiza, sobre a aparición de determinados casos de cancro de pulmón que poderían estar relacionados coa existencia de Radón nas dependencias xudiciais. 

 Como primeira medida, solicitamos a convocatoria urxente da Mesa de Saúde Laboral dependente da Dirección Xeral de Xustiza, a fin de que se fixe unha programación cos gabinetes de prevención para levar a cabo medicións de RADÓN nas distintas dependencias xudiciais, en base á seguinte normativa de obrigado cumprimento: 

1) INSTRUCIÓN IS-33, de 21 de decembro de 2011, do Consello de Seguridade Nuclear, sobre criterios radiolóxicos para a protección frente á exposición á radiación natural na que, no seu anexo, apartado 4, establece claramente a obriga de realizar estudos da concentración de Radón nos lugares de traballo subterráneos e non subterráneos, nas áreas identificadas polos seus valores elevados de Radón. Sendo case todo o territorio da Comunidade Autónoma Galega afectada pola elevada concentracion de dito gas, é polo que resulta necesario implementar un plano de realización de analíticas dos diversos edificios e dependencias xudiciais, empezando polos ubicados nos sotos, semisotos, baixos e primeiros andares. 

2) DIRECTIVA 2013/59/EURATOM do Consello, de 5 de decembro de 2013, pola que se establecen as normas de seguridade básicas para a protección contra os perigos derivados da exposición a radiacións ionizantes na que, no seu artigo 103 e no Anexo XVIII, xa se establecen as pautas a seguir no tratamento deste gas, ademais de fixarse xa en dita directiva que o nivel máximo de Radón debería de estar nos 300 Bq/m³. 

 Dado o ínfimo custe das analíticas a levar a cabo polo Laboratorio de Radón de Galicia (96€ por cada dous medidores pasivos), entendemos que non se pode adiar máis a medida do nivel de dito gas, empezando as mesmas nesta provincia polas dependencias do Xulgado de 1ª Instancia n.º 14 de Vigo e tamén do semisoto das Dependencias da Audiencia Provincial de Pontevedra, xa que as medidas a levar a cabo para un correcto tratamento requiren nalgúns casos investimentos que, na función pública, sempre están supeditados aos orzamentos anuais que empezaron a xestionarse para o 2020 o pasado 6 de xuño de 2019, polo que canto antes tome a administración autonómica conciencia deste problema antes poderán ser atalladas as consecuencias que poden ter para a saúde das traballadoras/es da Administración de Xustiza en Galicia.

*Delegado Sindical de CIG-Xustiza 

Ningún comentario:

Publicar un comentario