16 de out. de 2019

A GUARDA


O PARTIDO POPULAR DA GUARDA DENUNCIA PÚBLICAMENTE A FRAUDE QUE SUPUXO O PACTO E A POSTERIOR RUPTURA DO GOBERNO FORMADO ENTRE ANTONIO LOMBA (PSOE) E  ANXO LOIS BAZ (BNG)

Roberto José Álvarez Carrero (portavoz do Grupo Municipal do PP no Concello de A Guarda): "(...) Antonio Lomba non está lexitimado para gobernar polos seus resultados electorais (...)"
 

Roberto José Álvarez  Carrero, portavoz do Partido Popular no Concello de A Guarda
  


Infogauda / A Guarda

 O portavoz dos populares na Guarda, Roberto José Álvarez  Carrero, denuncia publicamente a irresponsabilidade e o espectáculo bochornoso que supuxo o pacto e posterior ruptura do goberno formado por Antonio Lomba Baz (PSOE) e  Anxo Lois Baz Vicente (BNG) no  Concello da Guarda e cualifícao como de fraude electoral

 Os concelleiros do Partido Popular da Guarda aseguran que  “o Sr. Antonio Lomba foi un irresponsable. Xogou con todos os guardeses e o noso futuro para saírse coa súa e embolsarse de novo a alcaldía. A pesar de que atribuíu competencias delegadas ao BNG (mobilidade, servizos sociais, tráfico, etc.), non lle deu ás mesmas carácter resolutivo; é dicir, deixou que os nacionalistas pensasen que mandaban no concello pero este mando era unha mera pose porque a última palabra nesas competencias delegadas tívoa sempre el, dado que só e expresamente a súa firma nos documentos, tiña capacidade resolutoria fronte a terceiros ou fronte as administracións.”


Concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de A Guarda

 Roberto José Álvarez Carrero afirma tamén con rotundidade: “A falta de criterio e enganos do Sr. Anxo Lois Baz e do BNG da Guarda foron demostradas. Aquel slogan e lema de campaña do BNG “con ideas claras” pronto quedou probado: “non pactarían con PSOE”, e fixérono; “Concepción Arenal sentido único”, e peonalízana; “Antonio Lomba cobra moito”, e soben as súas retribucións desorbitadamente; “paremos o escándalo da finca de Fínola”, e nin a mencionan cando pactan co PSOE; etc. A realidade é que  embaucaron a toda a cidadanía guardesa con tal de alcanzar o poder. Pero con todo, e a pesar de todas as súas contradicións e promesas incumpridas, seguen agora anunciando sen pudor nin remilgo algún que é o Sr. Antonio Lomba quen rompe o pacto de goberno porque entorpeceu o seu labor e insisten en que teñen un proxecto para A Guarda pero fora do goberno. Cremos que sobran as palabras pois, aínda que se lles explicou por todos os medios, tanto en pleno como en notas de prensa, que eles só podían organizar internamente as súas concellerías e que era o Sr. Alcalde quen dispoñía, seguían insistindo machaconamente que eles mandaban. Por fortuna, a presión cidadá polas súas desfeitas na xestión fixo que a súa situación fose insustentable. Pero si que non podemos esquecer aquela frase mítica do BNG guardés en sesión plenaria do 30 de setembro onde dixeron publicamente que se Antonio Lomba non os quería no goberno que os cesase”

 Segundo Roberto José Álvarez Carrero: “Tanto Antonio Lomba como Anxo Lois Baz se hostigaban mutuamente mentres gobernaban e era unha evidencia pública. Había dous gobernos paralelos no concello. Os concelleiros de ambas as formacións políticas estaban máis preocupados de ver quen sacaba antes a noticia de prensa ou quen saía na foto das redes sociais. Marketing puro e duro pero sen gobernar. Anxo Lois Baz e o BNG demostraron, con independencia das súas mentiras preelectorais, que non teñen a capacidade nin o xuízo suficiente para gobernar por falta de preparación. Ademais, os señores do BNG son uns insensatos porque, a pesar de que Antonio Lomba foi o gran derrotado das eleccións municipais, a súa inconsciencia e “xenerosidade” fixo que toda a cidadanía que votou polo cambio na Guarda teña que volver comulgar con rodas de muíño e ver de novo como alcalde a Antonio Lomba. Esa foi a achega fundamental do BNG da Guarda ao noso pobo, tal como a nosa formación dixo en campaña: votar ao BNG era votar ao PSOE. 

 O Sr. Antonio Lomba xogou as súas fichas e gañoulle a partida ao Sr.  Anxo Lois Baz. Pero o  lastimoso é que tamén xogou con todos os guardeses e o noso futuro para saírse coa súa e embolsarse de novo a alcaldía. Antonio Lomba e o PSOE guardés foron uns irresponsables por enfrascarnos nesta situación co BNG. Antonio Lomba non está lexitimado para gobernar polos seus resultados electorais: a cidadanía da Guarda non quixo que gobernase pero a insensatez e “xenerosidade” do BNG e os seus pactos  poselectorales para que non gobernase o PP propiciáronlle de novo o goberno. De aí que tampouco entendamos as súas palabras cando, roto o bipartito, D. Antonio Lomba diga que por responsabilidade seguirá en minoría gobernando. 

 Como lle dixen aos  Sres. do BNG no pleno do día 30 de setembro, se tivesen dignidade  dimitírían. 

 E creo que esta dimisión pódeselle pedir pública e directamente ao Sr. Antonio Lomba: meteunos nun goberno esperpéntico cos nacionalistas e dando un espectáculo lamentable para que non gobernase o PP; enganou ao BNG, aínda que é verdade que o BNG enganou aos guardeses antes; enganou ao guardeses pero tentou quedar de redentor liquidando a situación de Concepción Arenal que é froito da súa irresponsabilidade e é vostede o último responsable e autor; e agora tenta manipular aos guardeses dicindo que gobernará en minoría para dar estabilidade á vila.” 

NESTES CATRO MESES A CIDADANÍA GUARDESA SUFRIU

 Os populares manifestan como neste curto período de catro meses de goberno bicéfalo e esperpéntico, a cidadanía guardesa sufriu e asistiu atónita a un espectáculo deplorable que supuxo o descrédito dunha institución respectable como debería ser o Concello. Agora ambas as formacións de nacionalistas e socialistas continúan expoñendo a súa ruptura con reproches mutuos sen asumir o seu fracaso e tratando de explicar a súa irresponsabilidade e insensatez con plans de mobilidade, acordos rotos, promesas incumpridas, etc. Como sempre, e xa é clásico en ambas as formacións guardesas, non asumen os propios erros e bótanse a culpa reciprocamente. A Guarda non se merece nin este goberno, froito dunha fraude entre PSOE e BNG, nin este espectáculo penoso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario