12 de set. de 2019

DEPORTES

Presentado o V Vertiatlón Solidario do MRCYB que xunta "competición, solidariedade e inclusión" no seu tríatlon sprint que completarán 200 deportistas  

A Xunta de Galicia outorga un patrocinio de 9.000 euros para as actividades de vela adaptada do Monte Real ou os preto de 80.000 euros directamente destinados á Federación Galega de Deporte Adaptado, que supoñen un 26% máis que en 2018

O secretario xeral para o Deporte, acompañado polo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, presentou o V Vertiatlón Solidario do Monte Real Club de Iates de Baiona
Foto: X.G.


Infogauda / Baiona

 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, presentou o V Vertiatlón Solidario do Monte Real Club de Iates de Baiona (MRCYB) que xunta “competición, solidariedade, integración e inclusión” nunha proba onde 200 deportistas poderán desfrutar da “experiencia e calidade organizativa da Federación Galega de Tríatlon”.  

 O evento constará dun tríatlon sprint (750 m a nado, 20 km en bicicleta e 5 km de carreira) e a iniciativa privada farase cargo das inscricións dos atletas. O obxectivo do evento é recadar fondos para persoas con diversidade funcional.  

 O secretario xeral gabou ao MRCYB por saber incorporar a unha das programacións máis competitivas da náutica, “outras disciplinas e actividades que, como esta, contribúen a difundir a práctica deportiva superando barreiras”. “A diversidade funcional non debe ser nunca un impedimento para practicar deporte en igualdade de condicións”, engadiu.  

 Neste sentido lembrou como a Xunta de Galicia outorga un patrocinio de 9.000 euros para as actividades de vela adaptada do Monte Real ou os preto de 80.000 euros directamente destinados á Federación Galega de Deporte Adaptado, que supoñen un 26% máis que en 2018.  

 Pola súa banda, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou a importancia do deporte como ferramenta para a integración, así como para fomentar a autoestima e capacidade de superación das persoas con discapacidade. Neste sentido, gabou o traballo que realiza esta entidade, que aproveita a riqueza do mar para ofertar actividades deportivas adaptadas para todas as persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario