'O teu Xacobeo' programa un dos últimos festivais do verán unindo música e gastronomía co Camiño
Baiona acollerá o vindeiro 21 de setembro un encontro con accións artísticas vinculadas ao Camiño Portugués da Costa que conta co apoio da Xunta de Galicia
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presidiu hoxe a presentación do evento que contará con La Habitación Roja, Cecilio G. e Los Punsetes, entre outros
A presentación oficial do evento tivo lugar hoxe e contou coa presenza do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo
Foto: X. G.
Infogauda / Baiona
O teu Xacobeo, a iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para implicar á sociedade na celebración do vindeiro Ano Santo, programa para o 21 de setembro o que será o último festival do verán misturando música, gastronomía e reciclaxe co Camiño Portugués da Costa. O Barbeira Season Fest será un encontro directamente ligado ao Camiño de Santiago e que terá en Baiona un dos seus puntos destacados.
A presentación oficial do evento tivo lugar hoxe e contou coa presenza do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, quen destacou os valores que unen o festival. “O Barbeira Season Fest é unha experiencia cun elemento importantísimo de emoción vinculado ao peregrinaxe”, explicou, e “ademais, une os valores de sustentabilidade, cultura, Camiño de Santiago, gastronomía e música”.
O festival terá dous escenarios, a praia de Barbeira, de Baiona, e a horta do Parador Conde de Gondomar. Na praia ofreceranse diversas accións artísticas vinculadas ao Xacobeo como unha exposición fotográfica que contará as historias dalgúns dos peregrinos que optan por este Camiño para chegar a Compostela, no que se chamará o Microcamiño: 300 metros de mostra fotográfica a pé de praia. Tamén a exposición da artista local Alejandra Sampedro, Mar de Crebas, con elementos reciclados recollidos na contorna de Cabo Silleiro en torno ao Camiño ou unha compostela propia do festival que se repartirá entre todos as asistentes.
Unión de música e gastronomía
No eido musical, o encontro contará coa actuación de La Habitación Roja, Los Punsetes, Cariño, La Bienquerida ou Cecilio G. A música comezará a mediodía e os horarios de cada actuación estarán conectados coas distintas mareas.
A conexión coa tradición mariñeira e costeria deste Camiño será tamén un punto importante nesta última cita do verán. Por unha banda, a través da gastronomía, na que participarán cociñeiros locais, e con accións de reciclaxe e respecto cara aos nosos mares.
O director do festival, Isaac González, explicou esta mañá que se trata “dun festival nutrido de distintos contidos que servirán para potenciar a novos creadores galegos, a cultura e, sobre todo, a difusión do Camiño de Santiago. E sen o apoio da Xunta de Galicia isto non sería posible”.
Máis música
Neste mes de setembro, O teu Xacobeo ten programados outras citas musicais con concertos vinculados ao Camiño, como os coordinados pola Fundación Vicente Risco, en torno á gaita como instrumento de música de cámara, e que terán unha próxima cita en Lugo, na igrexa de Santa María, o 13 de setembro; e xa a finais de mes, o 27, en Celenova. e o 28, en Allariz.
Tamén terá lugar en próximas datas o Festival Vertixe Sonora que arrancará cos concertos En Ruta, creacións musicais contemporáneas no Camiño Portugués, o vindeiro 29 de setembro, en Tui; e a Banda de Música de o Barco, xunto o contador de historias Eladio Santos Martínez, co Sons da Banda no Camiño do Inverno, que estará en Vilamartín de Valdeorras, o vindeiro 28 de setembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario