14 de ago. de 2019

O ROSAL

VISITA DO GOBERNO DA CÂMARA MUNICIPAL DE CAMINHA AO CONCELLO DO ROSAL

Ánxela Fernández (alcaldesa do Rosal): "(...) Ambos gobernos amosamos ilusión e ganas de traballar para efectivizar unha colaboración transfronteiriza que poña en valor a riqueza nos distintos eidos que compartimos (...)".


A alcaldesa Ánxela Fernández Callís - a esq. da imaxe - e concelleiros do grupo municipal de goberno do Concello do Rosal con Miguel Alves, presidente da Câmara Municipal de Caminha e varios vereadores do executivo municipal caminhense  
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O executivo municipal do Concello do Rosal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís fixo público que recibiron a visita do equipo de goberno de Caminha encabezado polo presidente da Câmara Municipal, Miguel Alves. 

 Logo da reunión cos membros do executivo municipal caminhense, a alcaldesa do Rosal salientou: "Na xuntanza puxemos en común as potencialidades e puntos fortes dos nosos concellos co obxectivo de buscar vías acaídas para comezar un camiño transfronteirizo de colaboracións e poder, pouco a pouco, vertebrar unha relación con vínculos sólidos entre ambas beiras do Río Miño.

 Comezamos xa a falar de propostas reais nas que poder iniciar o noso camiño. Ambos gobernos amosamos ilusión e ganas de traballar para efectivizar unha colaboración transfronteiriza que poña en valor a riqueza nos distintos eidos que compartimos. Entre outras cuestións, falamos de cultura, deporte, gastronomía, turismo e patrimonio. 

 Ademáis, tivemos a oportunidade de coñecer as distintas áreas competenciais que a câmara e o concello comparten e acordamos colaborar, entre os equipos de goberno, coa finalidade de ter unha comunicación constante nas mesmas para poder xerar sinerxias positivas que nos permitan compartir información e tender pontes neste sentido".

1 comentario:

  1. Parabéns pola iniciativa, xa ia sendo hora de deixar de viver de costas ao veciño. Tomemos nota os demáis.

    ResponderEliminar