A CIG vai solicitar unha reunión con Zona Franca para tratar as deficiencias na seguridade viaria no polígono de Balaídos
Infogauda / Vigo
A Unión Comarcal da CIG de Vigo vai facer entrega o vindeiro luns, 2 de setembro, dun escrito dirixido ao delegado da Zona Franca Vigo solicitando unha xuntanza para abordar as problemáticas en materia de seguridade viaria no polígono de Balaídos e os riscos que isto supón para os traballadores e as traballadoras. O rexistro do escrito realizarase ás 12:00 horas no edificio do Consorcio situado na Área Portuaria de Bouzas, s/nº, onde o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonzalves, fará as declaracións aos medios.
No escrito, elaborado coas achegas dos/as delegados de prevención e as seccións sindicais da CIG nas empresas da Zona Franca de Balaídos, destácanse, entre outras cuestións, os problemas derivados da falta de aparcamento, o estacionamento indebido de vehículos en carrís de circulación, a escasa ou nula iluminación nalgúns tramos, a ausencia de accesos peonís seguros, a inexistencia de marquesiñas para esperar o transporte público, a sinaléctica deficiente ou o as malas condicións do firme nalgunhas zonas.
Por mor destas eivas xa se produciron ao longo deste ano numerosos incidentes e algúns accidentes nas vías de acceso e nos arredores do recinto da Zona Franca de Balaídos. Por iso, a CIG solicítalle ao delegado unha reunión urxente para abordar estas cuestións, analizar posíbeis solucións e que se apliquen as medidas correctoras oportunas para garantir así un acceso seguro aos centros de traballo.
Neste senso, a CIG insta a que sexa o propio Consorcio quen tome a iniciativa de poñerse de acordo coas distintas administracións que teñen as competencia para resolver cada unha deficiencias denunciadas. E ao tempo, a central pide que se aproveite esta necesaria interlocución para demandar tamén a adecuación do acceso peonil dende o polígono de Navia até Zona Franca e a habilitación dun carril-bici tanto de acceso para estas zonas como de mobilidade dentro do polígono.
Ningún comentario:
Publicar un comentario