“Cada día intento aprender sobre min mesma para mellorar un pouquiño sempre”
• A través dun programa financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, Saúde Mental FEAFES Galicia traballou no empoderamento e a autonomía de 50 mulleres con problemas de saúde mental.
• Margarita, participante neste programa, conta as súas impresións, inquedanzas e expectativas tras o seu paso polo mesmo.
Margarita, participante no programa en Lugo, asegura que o seu paso polo mesmo foi moi positivo
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela
O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, pretende mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas.
Para iso, facilítaselles información e asesoramento, realízanse accións formativas, aténdense urxencias e trabállase coordinadamente con outros recursos. Durante os últimos dez meses, 50 mulleres con problemas de saúde mental beneficiáronse deste programa en toda Galicia, nomeadamente nas cidades de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.
Margarita, participante no programa en Lugo, asegura que o seu paso polo mesmo foi moi positivo. “Sentinme moi identificada cos temas tratados nas charlas porque vivín situacións similares aos exemplos que se poñían, como o que ten que ver con actitudes sexistas cara a miña persoa, micro e macro machismos, e o papel da muller dentro das familias a nivel de conciliación persoal e laboral”, afirma.
Participantes nos talleres do Programa de Igualdade 2019
Dende o pasado mes de decembro, no marco do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade realizáronse unha serie de accións formativas grupais que trataron diversos temas como a prevención de malos tratos, sexualidade, habilidades, autoestima, motivación para a busca do emprego, psicoeducación, etc. Ademais, o programa tamén inclúe intervencións personalizadas de inclusión.
“O paso polo programa serviume para aprender a manexar mellor a miña enfermidade e a non estigmatizarme a min mesma. Antes tiña moitos medos e pechábame aos demais; pero grazas á atención recibida, agora son capaz de expresar os meus medos, traballalos e reconducilos dunha maneira que non me prexudique”, asegura Margarita.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en máis de 30 localidades e conta con arredor de 7.000 socios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario