26 de ago. de 2019

TOMIÑO

José María Gude Méndez será o homenaxeado no Acto Cívico do Alivio 

O Concello de Tomiño destaca a súa aportación a recuperación e valorización do patrimonio etnográfico do municipio  


 José María Gude Méndez
Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño

 Dentro da programación das Festas do Alivio, 2019, o Concello de Tomiño homenaxeará ao José María Gude Méndez o domingo 15 de setembro.  

 José María Gude, máis coñecido como Pepe Gude, naceu na aldea de Serois (Calvos de Randín), en 1951. Estudou maxisterio en Ourense aprobando as oposicións para mestre en  1975. No ano 1977 chega a Tomiño e comeza a súa andaina docente no Colexio Mosteiro, hoxe CEP Pedro Caselles Beltrán, onde impartiu aulas até que se traslada ao IES Tomiño, hoxe IES Antón Alonso Ríos, onde se xubilará.  

 Pepe Gude pertence a unha xeración de mestres involucrados no ensino práctico, na valorización do saber popular e no coñecemento das tradicións do rural. Un aspecto ao que dedicou esforzos recollendo a memoria popular e que materializou en obras como Mitos e lendas de Tomiño ou Val de Tebra, unha historia por escribir.  

 Desta preocupación polo patrimonio inmaterial, naceu o grupo “Airiños de Tebra”. Unha formación de música e baile tradicional que formou a varias xeracións de mozos e mozas. Os “Airiños de Tebra” levaron o nome de Tomiño máis alá das fronteiras peninsulares, visitando en dúas ocasións Arxentina onde recibiron a “Medalla de Honra á Galeguidade”. No ano 2005 inclúen na súa xeira Uruguai onde foron acollidos polos tomiñeses na emigración.  

 Todo un acontecemento no seu momento que liderou Pepe Gude. Un home caracterizado polo seu activismo no asociacionismo cultural local e polo seu voluntarismo. Unha traxectoria longa enraizada na vida local tomiñesa.  

 Actualmente, Pepe Gude forma parte da Asociación de Coches Clásicos do Baixo Miño a fronte da cal leva tempo percorrendo camiños e visitando lugares dentro de España e do veciño Portugal levando sempre o nome de Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario