27 de ago. de 2019

GALICIA

A Xunta de Galicia destina 712.000 euros á mellora das escolas infantís e dos puntos de atención á infancia dependentes dos concellos  

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro día 23 de setembro
 
A directora xeral de Familia, Amparo González, acompañada do delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores, visitou hoxe a escola municipal de Valga para nenas e nenos de 0 a 3 anos

A escola de Valga recibiu o ano pasado achegas autonómicas por 53.000 euros, 18.000 para obras de mellora e 35.000 para actuacións de mantemento

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, informou hoxe de que a Xunta destinará este ano 712.000 euros á mellora das escolas infantís e puntos de atención á infancia (PAI)
Foto: X.G.

Infogauda / Valga 

 A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, informou hoxe de que a Xunta destinará este ano 712.000 euros á mellora das escolas infantís e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais. Díxoo durante á visita á escola infantil municipal de Valga, que o ano pasado recibiu 18.000 euros ao abeiro desta orde de axudas, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.  

 Amparo González, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que ata o vindeiro 23 de setembro permanecerá aberta a actual convocatoria de achegas. Cada entidade poderá recibir unha axuda máxima de 35.000 euros: 20.000 para obras de adecuación, mellora e accesibilidade da escola; e 15.000 euros para a compra de equipamento e de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías nas aulas, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.  

 No caso da escola de Valga, ademais dos 18.000 euros que a Xunta lle concedeu para obras de acondicionamento, adquisición de mobiliario e de novas tecnoloxías, outorgáronselle outros 35.000 euros para actuación de mantemento. En conxunto, este centro recibiu 53.000 euros en achegas autonómicas. 

Escolas infantís en contornas laborais  

 A directora xeral de Familia aproveitou a visita para lembrar que tamén está aberto o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria de axudas para a creación de escolas infantís en polígonos industriais e contornas laborais.  

 Esta nova convocatoria conta cun orzamento total de 800.000 euros. A través dela, subvencionarase ata o 100% do custe total do investimento realizado, cun límite de 200.000 euros para as escolas infantís de tres ou máis unidades e 41 ou máis prazas, e de 150.000 euros para os centros máis pequenos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario