O centro de maiores que a Deputación de Pontevedra constrúe en Campo Lameiro estará listo nun prazo de mes e medio
O deputado Santos Héctor visitou hoxe as obras, financiadas ao abeiro do Plan Reequilibrio e o Plan Concellos e que contan cun presuposto de 517.003,71 euros
O deputado de Cooperación, Santos Héctor, co alcalde da localidade, Carlos Costa, o deputado Gregorio Agís e a deputada Ana Laura Iglesias, logo de visitar as obras que financia ao 100% a institución ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos
Foto: D. PO.
Infogauda / Campo Lameiro
O centro de maiores que a Deputación de Pontevedra constrúe no concello de Campo Lameiro estará rematado "nun prazo de mes e medio". Así o asegurou esta mañá o deputado de Cooperación, Santos Héctor, tras visitar xunto ao alcalde da localidade, Carlos Costa, o deputado Gregorio Agís e a deputada Ana Laura Iglesias, os traballos que financia ao 100% a institución ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos.
Santos Héctor subliñou que este centro, presupostado en 517.003,71 euros (dos que 367.003,71 se financian a través do Plan Reequilibrio e os restantes 150.000 co Plan Concellos) "é unha obra que viña sendo moi demandada ao longo destes anos pola veciñanza, que reclamaba un espazo de estancia para as persoas de maior idade". Neste senso, indicou que a nova instalación ofrece un espazo para promover a convivencia e a integración social, no que ademais se ofrecerá ás persoas unha serie de coidados e atención de carácter persoal, terapéutico e social e que tamén incorpora un uso deportivo, cun espazo para a actividade física adaptada ás persoas maiores. Os traballos comezaron en decembro e tiñan un prazo de execución de nove meses "que van a cumprir", xa que segundo indicou, as obras están practicamente rematadas. "Grazas a esta actuación –destacou o deputado de Cooperación- Campo Lameiro vai contar cunha instalación esencial para o coidado dos maiores, unha dotación moi necesaria hoxe en día especialmente no rural, porque cada vez a poboación é maior e demanda de que haxa servizos como este, que permitan manter e mellorar a nosa calidade de vida, como sinalou a presidenta Carmela Silva cando tivemos ocasión de estar aquí ao inicio das obras".
Pola súa banda, o alcalde, Carlos Costa, agradeceu á Deputación "o esforzo que está a facer axudándonos en moitas obras" e lembrou que "este é un centro moi necesario porque o rural envellece cada vez máis".
Máis polo miúdo, o Centro de Estancia de Campo Lameiro consta dunha única planta, que se aproveita do desnivel existente para situarse nunha cota inferior aos elementos protexidos da zona (igrexa, praza e cruceiro), evitando converterse nunha barreira visual e respectando o entorno. A súa vez, a instalación divídese en catro volumes básicos, nos que o principal ten dous usos, administrativo e o de estar. Na primeira parte figuran a recepción, unha oficina, vestiario de persoal e sala de instalación. E, noutro lado, está a sala multiusos, que pode funcionar como estancia única ou ser dividida en dúas ou tres estancias a través de tabiques móbiles.
Os outros tres volumes conéctanse co principal a través dun corredor e organízanse en zona de fisioterapia, ximnasio e área de hixiene. Na primeira pódense habilitar unha ou dúas salas tamén co sistema de tabiques móbiles, mentres que o ximnasio ofrece unha sala con todos os aparellos necesarios para persoas maiores e, por último, a área de hixiene contén os aseos e a oficina de persoal.
Santos Héctor lembrou ademais que o compromiso da Deputación cos concellos da provincia e, en concreto co de Campo Lameiro "ven dado en todo o mandato" e, neste senso, indicou que desde o 2015 a institución provincial leva investidos case 3 millóns de euros (2.899.081,22 eur0s) neste municipio. No que se refire en concreto ao Plan Concellos, Campo Lameiro puido financiar desde o inicio do pasado mandato catorce obras por 997.949,23 euros e contratar a 44 persoas desempregadas para traballar no concello. Este ano, a Deputación inviste neste concello ao abeiro deste plan 380.796,80 euros, un 3,21% máis que no 2018, dos que 150.000 corresponden á obra do centro de maiores e 83.269,01 destínanse á contratación de nove traballadores e traballadoras para o concello. E, co Plan Reequilibrio, desenvolveuse a devandita obra do centro de maiores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario