A Deputación de Pontevedra promociona doce rutas turísticas para espertar a "Fame de Experiencias" dos visitantes da provincia
A información sobre os itinerarios, dispoñible na web de Turismo Rías Baixas, busca facilitar aos e ás turistas todos os datos sobre os distintos recursos da ducia de destinos propostos
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra promociona a través da páxina web de Turismo Rías Baixas as doce rutas turísticas que pretenden espertar a "Fame de Experiencias" dos visitantes na provincia pontevedresa a través das singularidades das distintas comarcas. Estes itinerarios, que se poden facer durante todo o ano, buscan facilitar aos turistas a información sobre os distintos recursos dispoñibles nos destinos propostos, presentada na web dun xeito organizado e cómodo para que poidan preparar de forma máis sinxela as súas viaxes.
Máis polo miúdo, a ducia das rutas turísticas suxeridas fan un completo repaso destes destinos únicos, poñendo énfase na súa oferta de museos e gastronomía. Así, conteñen información sobre museos, centros de interpretación, xacementos arqueolóxicos, elementos patrimoniais, amais dos lugares de interese paisaxístico, produtos e eventos gastronómicos e establecementos de restauración e aloxamentos de cada un dos destinos. Vigo figura en tres destas rutas, Pontevedra en dúas, ao igual que Deza e Baixo Miño, e as zonas do Morrazo, Caldas, O Salnés, Tabeirós-Terra de Montes e O Condado nunha.
Os itinerarios afondan nas singularidades de cada comarca e así, o de Paradanta leva por título "Viño e Lamprea", mentres que no caso do Condado a ruta destaca esta zona como "Terra de Fronteiras, Auga e Historia" e a do Baixo Miño como "O sagrado na natureza e o control da paisaxe". As outras rutas son "Puro Atlántico", sobre Baixo Miño e Vigo; "Arte e cidade" (Vigo); "Un mar de historias" (Vigo); "Entre o mar e a terra" (O Morrazo); "Un tesouro artístico" (Pontevedra); "Do mar e do viño" (O Salnés); "Entre ríos e mananciais" (Caldas); "O campo, un mundo de riquezas" (Tabeirós-Terra de Montes e Pontevedra) e "Terras do Interior" (Deza).
A posta en marcha destas rutas (ás que se pode acceder desde a pestana "Descubre" da web Turismo Rías Baixas) e que se enmarcan na campaña "Fame de Experiencias", supón un paso máis na aposta da Deputación de Pontevedra pola desestacionalización e internacionalización do turismo na provincia, xa que poden ser desfrutadas ao longo do ano, pola súa riqueza e variedade cultural, natural e gastronómica. Os itinerarios divulgaranse tamén a través de folletos que se porán a disposición dos visitantes e que recollen a información dun xeito máis esquematizado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario