Nun novo concerto de «Música nas Prazas»
Blues do País encheu de música e sorridos, a praza de Avelino Vicente González
Infogauda / A Guarda
Máis de 200 persoas acudiron o pasado venres día 16 de agosto á praza de Avelino Vicente González para gozar da segunda cita do Música nas Prazas 2019.
Desta volta foi a quenda de Blues do País, un dúo formado por Bieitta James e Pepe King que interpretan música blues de clásicos como Sitting on the dock of the bay (Sentadiña no pantalán), I just want to make love to you (Mirarche o cu), Killing me softly (Matasme despacio) ou Mercedes Benz (Chimpín). Coa súa música amosan que é posible facer blues na lingua do país.
A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición precedente un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.
Este é o cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que este ano conta cun total de 3 concertos nas Prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.
Os encargados de abrir a programación de Música nas Prazas 2019 foi o grupo de Rap guardés Caramelo Krew, que encheron de música a praza de San Queitano o pasado 14 de xuño.
Para rematar esta edición o 13 de setembro ás 22:00h na Praza dos Seixiños (A Gándara) acollerá a actuación de Helen & Shanna.
O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario