19 de ago. de 2019

A GUARDA

PATRIMONIO

Varias decenas de persoas participaron nunha nova visita guiada ás salinas romanas do Seixal e as rupestres de As Lagoas

Nesta ocasión, un grupo de preto de varias decenas de persoas participou  nesta actividade guiada por Agustín Ferreira Lorenzo 
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O pasado sábado día 17 de agosto realizouse a derradeira visita guiada do calendario 2019, ás escavacións das Salinas romanas do Seixal e as rupestres das Lagoas (Camposancos), que baixo a coordinación da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), realizáronse de xeito gratuíto ao longo deste ano.  

 Nesta ocasión, un grupo de varias decenas de persoas participou nesta actividade guiada por Agustín Ferreira Lorenzo, presidente-fundador de Anabam, saíndo dende o porto da Guarda, cun percorrido aproximado de 2 horas empregando a senda litoral.  

 Dende o Concello da Guarda agradecen a dedicación e entusiasmo mostrado polo numeroso equipo de arqueólogos e alumnos en prácticas de diversas universidades de Coimbra, Vigo e Santiago que fixeron posible que, nun curto espazo de tempo, A Guarda poda coñecer un pouco mellor o seu pasado romano.  

 «A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas romanas da zona do Seixal e das rupestres ubicadas nas Lagoas (Camposancos), así como noutros enclaves no litoral atlántico do termo municipal da Guarda e, que se levou a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de Brais Currás Rúa.  

 O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.  

 O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitiu crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario