17 de xul. de 2019

TOMIÑO

O Certame de Pintura ao Aire Libre ‘Antonio Fernández’ faise transfronteirizo coa Eurocidade 

Por primeira vez todas as persoas participantes poderán crear as súas obras nas dúas beiras do río Miño, en Tomiño e Portugal  

Celebrarase o 18 de agosto e conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Goián e da Fundação Bienal de Arte de Cerveira  



Infogauda / Tomiño

 O Certame de Pintura ao Aire Libre ‘Antonio Fernández’ cruza o río Miño da man da Eurocidade. Por primeira vez, todas as persoas participantes poderán crear as súas obras nos espazos situados na contorna de Tomiño e de Vila Nova de Cerveira; lugares que serán establecidos pola organización e comunicados aos participantes o mesmo día do concurso.  

 O certame, que chega á súa sétima edición, celebrarase o domingo 18 de agosto de 2019, e todas as persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición, de balde, a través do seguinte enlace: https://eurocidadecerveiratomino.eu/formulario-vii-certame-de-pintura-ao-aire-libre-antonio-fernandez/ ou de forma presencial o mesmo día do certame, de 09:30 a 11:30 horas (hora galega), na Aula-Museo Antonio Fernández, en Goián.  

 Como cada ano, este certame de pintura reunirá a unha gran variedade de artistas e afeccionados á pintura nas inmediacións do Río Miño. O concurso comezará entre as 09:30h e as 11:30h na Aula-Museo Antonio Fernández (Goián), onde a organización selará e numerará os soportes das obras, e dará as directrices precisas.  

 As obras deberán realizarse en soporte ríxido como lenzo, taboleiro de 1 cm. de espesor como mínimo, en branco, sen textura e sen ningún tipo de marco. As persoas participantes terán o día dispoñible para rematar as súas creacións, que deberán entregar, sen asinar, e xunto co cabalete, ese mesmo día entre as 17:00 e as 18:00 horas no Espazo Fortaleza de Goián.  

Dúas exposicións  

 O xurado, composto por personalidades vencelladas co mundo das artes e por membros das entidades patrocinadoras dos premios, reunirase a partir das 18:00 horas (hora galega) ese mesmo día, para emitir o fallo media hora despois.  

 O Concello de Tomiño, a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Goián e a Fundação Bienal de Arte de Cerveira, entidades colaboradoras, patrocinarán os tres premios do certame, un primeiro, de 1.500 euros e un segundo e terceiro premio, de 500 euros.  

 Toda as obras participantes exporanse do 19 ao 25 de agosto no Centro Goianés, de Goián, e do 26 ao 31 de agosto na Fundação Bienal de Arte de Cerveira.  

 Para máis información, pódense consultar as bases do concurso na web da Eurocidade Cerveira-Tomiño (https://eurocidadecerveiratomino.eu/actividades/).  

 Este certame forma parte das actividades desenvolvidas pola Eurocidade ao abeiro da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario