Chega a Tomiño a campaña itinerante ‘Repara en…’ para fomentar a prevención de residuos alimentarios, potenciar a compostaxe e mellorar a recollida selectiva
O primeiro andar do Mercado Municipal acolle hoxe a mostra, con paneis e xogos interactivos
Monitora informando da campaña aos picariños
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A campaña itinerante ‘Repara en…’ para fomentar a prevención de residuos alimentarios, potenciar a compostaxe e mellorar a recollida selectiva, chegou hoxe a Tomiño. Emprazada no Mercado Municipal (primeiro andar), consta dunha serie de paneis e xogos interactivos.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon a disposición dos concellos galegos material gráfico sobre a xestión dos residuos domésticos, a prevención e a reutilización, así como educadores ambientais que impartirán charlas divulgativas e organizarán actividades dinámicas para os máis pequenos.
Unha das premisas nas que se incide nesta campaña divulgativa é a necesidade de reducir os residuos e reutilizar os produtos, co obxectivo de manter o maior número de recursos.
Baixo o lema ‘Coa comida non se xoga’, ponse o foco no desperdicio alimentario, un problema ambiental, social e económico; ao tempo que se insiste nos beneficios de devolverlle á terra o que lle é propio a través da separación da materia orgánica para facer compostaxe.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon en marcha hoxe a campaña educativa itinerante Repara en… para fomentar a prevención de residuos alimentarios, potenciar a compostaxe e mellorar a recollida selectiva e a separación para favorecer a reciclaxe dos residuos.
Con esta nova acción, a Consellería de Medio Ambiente pon a disposición dos concellos galegos material gráfico e divulgativo sobre a xestión dos residuos domésticos, a súa prevención e reutilización dos mesmos; así como educadores ambientais que impartirán charlas divulgativas a grupos de adultos, preferentemente, e que tamén organizarán distintas actividades dinámicas, como xogos ou obradoiros, pensadas para un público máis novo e infantil.
Os dous obxectivos globais desta nova campaña, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, son fomentar a correcta xestión dos residuos domésticos e a prevención do desperdicio alimentario. Nese sentido, deseñáronse seis paneis con información sobre qué facer cos residuos municipais e como promover accións que camiñen cara o vertido técnico cero. Para conseguilo, á hora de consumir -por exemplo- débense cambiar comportamentos como apostar polo consumo local, os produtos de tempada e o uso de envases retornables.
A Consellería de Medio Ambiente defende que o mellor residuo é aquel que non se produce, polo que outra das mensaxes nas que se quere incidir é a importancia de reducilos e reutilizar os produtos. Algúns consellos que se poden adoptar son usar menos envases e apostar pola compra a granel ou as cantidades que se precisen; facer uso dos mercados de segunda man para produtos como os aparellos electrónicos, libros, xogos…; ou doar roupa, calzado e obxectos que, estando en boa estado, non se usen.
Coa comida non se xoga
Baixo o lema ‘Coa comida non se xoga’, a Xunta de Galicia quere o foco no desperdicio alimentario, un problema ambiental, social e económico. Segundo as cifras oficiais, un terzo dos alimentos tíranse en perfecto estado, o que sitúa a España no sétimo país da Unión Europea que máis alimentos desperdicia. Para mudar esta realidade pode conseguirse con pasos sinxelos como: planificar os menús, conservar a comida sobrante e aproveitala para outras receitas; se comes fóra da casa, prepara o teu propio recipiente para axustar a cantidade de comida e, no caso de comer nun restaurante, podes pedir a comida e a bebida sobrante.
Un sinxelo xesto como separar a materia orgánica para poder reciclar, permite devolver á terra o que é da terra. Coa compostaxe -individual, comunitaria ou industrial- péchase o círculo da materia orgánica e aporta fertilidade ao solo, é dicir, os residuos orgánicos poden ter unha nova vida; ao tempo que se reduce a eliminación en vertedoiros e evitando emisións contaminantes á atmosfera. En definitiva, dáse unha alternativa á fracción orgánica que se deposita na bolsa do lixo e que representa un 42%.
Asemade, a Xunta de Galicia ten posto en marcha medidas e programas que favorezan o paso á economía circular, co fin de abandonar o vello e caduco modelo de usar e tirar e apostar por un sistema que permita pechar o ciclo de vida dos produtos e servizos, optimizando o consumo de materiais, auga e enerxía e minimizando a xeración de residuos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario