Máis do 94% do persoal de montaxe de Citroën consultado pola CIG considera insuficientes as medidas para reducir a sobrecarga de traballo
A sección sindical realizou unha enquisa a pesar dos impedimentos da dirección
Infogauda / Vigo
Máis do 94% do persoal da liña de montaxe 2 de PSA Citroën que participou na enquisa/referendo organizado pola sección sindical da CIG na empresa da automoción con sede en Vigo considera insuficiente as medidas implantadas pola dirección para reducir a sobrecarga de traballo. A maioría das persoas consultadas tamén apoia a convocatoria dunha folga en xullo, aínda que na central entenden que para levala adiante a participación debera superar o 50%.
Na consulta promovida pola CIG nas catro quendas de traballo participaron arredor do 40% dos traballadores/as da liña de montaxe 2 “a pesar dos impedimentos da dirección para que se levase a cabo nas liñas de produción coma sempre se fixo”. Máis do 89% das persoas que emitiron a súa opinión non observan melloras nas cargas nin nos postos de traballo: 51 responderon afirmativamente e 501 fixérono negativamente, contabilizándose 26 votos en branco e 1 nulo.
Ademais, o 85% dos enquisados/as asegura non poder desenvolver el/ela só/a o seu traballo ao 100%: 60 dixeron que si, 476 que non, 22 votaron en branco e houbo 2 votos nulos.
En consecuencia, unha ampla maioría (máis do 94% dos participantes na consulta) considera insuficiente as medidas implantadas pola dirección para reducir a sobrecarga de traballo: só 7 responderon afirmativamente e 530 fixérono negativamente, mentres que 22 votaron en branco e houbo 1 nulo.
Na enquisa tamén se preguntaba se os problemas da cadea de montaxe deben de ser tratados coa presenza de todas as organizacións sindicais con representación na empresa, ao que responderon afirmativamente o 88% dos participantes: 497 dixeron que si, 37 que non, 20 optaron por votar en branco e contabilizáronse 6 votos nulos.
Convocatoria de folga
A enquisa completábase cunha consulta a respecto da posibilidade de convocar unha folga no mes de xullo no caso de considerar insuficientes as medidas implantadas pola dirección. Segundo os datos recollidos pola CIG, o 73% dos participantes amósase partidario da medida, xa que responderon afirmativamente 411, en contra 110, votaron en branco 33 e houbo 6 votos nulos.
Mais dende a sección sindical de Citroën entenden que para validar esta proposta a participación na consulta debera superar o 50%. Porén, aseguran que “os traballadores/as decidiron, polo que antes das vacacións haberá que comezar un novo proceso no que esteamos todos/as presentes no debate para que montaxe teña unha solución”.
Para a CIG, os resultados da enquisa/referendo amosan “de xeito claro e contundente” que o persoal da empresa de automoción con sede en Vigo “non comparte as melloras que a dirección tanto insiste en facerlle ver, de aí que prohibira este exercicio democrático menosprezando os que nos deixamos a saúde no traballo, en lugar de atender as xustas demandas dos traballadores/as”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario