3 de xul. de 2019

TOMIÑO

Comezan as xeiras polo patrimonio etnográfico do noso concello 

A primeira terá lugar o xoves 4 de xullo a partir das 18:30 horas, na Casa da Cultura de Pinzás


 Infogauda / Tomiño

 “As pegadas na paisaxe: mámoas, ouro, toponimia e garranos” é o nome da primeira xeira de este ano organizada polo Concello de Tomiño, coa colaboración, neste caso, do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). Xosé Lois Vilar Pedreira será o guía experto desta saída, na que se percorrerán, a partir das 18:30 horas, os xacementos de minaría romana, mámoas e toponimia desta zona (Vilachán do Monte e Pinzás).  

 A duración prevista da actividade é de tres horas e media. É para todos os públicos e de balde, pero precisa inscrición chamando ao teléfono 986 622 001/03 en horario de 8:00 a 14:00 horas. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo.  

 A seguinte xeira (xoves 1 de agosto) será “O Monte Tetón nova lectura: homes, garranos, cervos e cans”, tamén dirixida por Xosé Lois Vilar, do IEM. Esta actividade constará de dúas partes: unha conferencia sobre o tema no salón de plenos do Concello, e a continuación, unha saída de campo para ver os petróglifos do Monte Tetón. Comezará ás 20:30 horas, cunha duración de tres horas e media. A actividade é de balde e require inscrición previa. Hai que levar roupa e calzado cómodo e lanterna.  

 O 29 de agosto, tamén xoves, terá lugar a xeira “Camiño da Nosa Señora do Norte: terceira etapa, ollando cara Tebra”. A saída será tamén ás 18:30h e a duración de tres horas e media. Esta visita será guiada por Antonio Soliño (do IEM) e percorrerá os principais puntos de interese patrimonial por onde transcorría o Camiño de Santiago por Tomiño. Tamén de balde, con inscrición previa e roupa e calzado cómodo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario