28 de xul. de 2019

SALCEDA DE CASELAS

O PP DE SALCEDA REPROCHA Ás ´ALCALDESAS´ QUE FAGAN UNHA VISITA “INSTITUCIONAL” AO CENTRO DE SAÚDE CANDO “TORPEDEARON” AS OBRAS DURANTE UNHA DÉCADA 

O portavoz do PP no Concello, Santiago Rodríguez Davila, lamenta que o bigoberno teña que utilizar o maior investimento de 1,7 millóns de euros da Xunta en Salceda para “lavar a súa imaxe” e lémbralle que se “o centro de saúde non está a funcionar xa é por culpa de Castiñeira e de Tourón” 

De esq. a der.: José Manuel Cores Tourís, Santiago Rodríguez Davila e Alfonso Rueda Valenzuela


Infogauda / Salceda de Caselas 

 O PP de Salceda de Caselas reprocha ás ´alcaldesas´ que realicen unha visita “institucional” ás obras do novo centro de saúde, as mesmas que “torpedearon” durante unha década coa entrega dos terreos á Xunta de Galicia por un interese “puramente electoralista, prexudicando aos veciños que durante todo este tempo non puideron gozar duns servizos sanitarios adaptados ás necesidades do municipio. Para o portavoz popular no Concello salcedense, Santiago Rodríguez Davila, trátase dunha “basta” estratexia para “lavar a súa imaxe” despois de “mentirlle ao pobo cun pacto forzado e en contra do que decidiron os veciños nas urnas”. 

 Para Davila, tanto Castiñeira como Tourón quedaron en “evidencia” despois de afirmar en reiteradas ocasións que o novo centro de saúde da rúa Mártires de Sobredo nunca sería unha realidade. “Repetiron nos medios de comunicación, nas redes sociais e aproveitaron calquera oportunidade para mentirlle aos veciños en beneficio propio, facendo campaña política en contra da verdade, que non era outra que a vontade da Consellería de Sanidade de investir 1,7 millóns de euros en Salceda como así fixo cando o goberno ao que pertencía Castiñeira permitiuno. Por iso, é lamentable que agora estas ´alcaldesas´ que tanto dano fixeron á sanidade dos salcedenses tenten vender unha obra na que non pagan nin un só euro e que negaron ao pobo durante dez anos”, relata. 

 Precisamente, o vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente provincial do PP, Alfonso Rueda Valenzuela, visitaron hai uns meses Salceda e, ao contrario do que fixeron as ´alcaldesas´, supervisaron as obras desde o exterior. “Por respecto, algo que non tiveron elas, nin se pensou en acceder o interior”, afirma o portavoz popular quen recrimina a Tourón e Castiñeira que si o fixesen “sen avisar nin solicitar permiso á propietaria dos terreos e do edificio, que é a Xunta, e ademais ténteno vender mediáticamente”.

Investimentos dos que presumir 

 Os populares critican o uso da palabra “compromiso” con Salceda por parte de Castiñeira e Tourón e anímalles a explicar a todos os cidadáns cales son as obras nas que o Concello de Salceda investiu diñeiro para mellorar a calidade de vida dos veciños. “Quizá non poden presumir de ningunha porque non as hai, e as poucas que fixeron con diñeiro da Deputación executáronse tarde, rápido para terminar antes das eleccións e o resultado foi nefasto”, apostila Davila. 

 Un exemplo diso son as obras da Devesa que se atopan nunha situación “bochornosa” e que supón un auténtico “perigo para condutores e peóns. Para Rodríguez Davila, o que tiña que facer o bigoberno é “arranxar” as obras da súa competencia en lugar de “facerse fotos en terreos alleos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario