28 de xul. de 2019

A GUARDA

A Guarda demostra a versatilidade do peixe espada a ritmo da "Rianxeira" 

• O "Encontro dos Pobos" do  sábado prolongouse ata a madrugada, entre pratos de peixe espada, bailes e cancións populares. 

• A presentación dun evento mariñeiro inclusivo e o despregamento de varias das súas actividades centrou esta xornada de domingo na vila guardesa, que hoxe si espertou con sol. 

• Os centos de comensais deron boa conta das racións de peixe espada e apuraron as últimas horas da festa organizada por Orpagu en colaboración co Concello guardés.  


Baixo unha gran carpa, celebrouse a Festa do Peixe Espada onde os comensais disfrutaron dunha rica gastronomía e tamén das diferentes actuacións dos grupos musicais

Mar Bermúdez / A Guarda

 A pesar de que a Festa do Peixe Espada prolongouse na súa primeira xornada ata as catro da madrugada entre racións de peixe e a música da "Rianxeira", ás dez da mañá do domingo día 28 de xullo, a carpa feiral xa estaba preparada para acoller a presentación oficial de Ecodestin-Sensea, unha iniciativa de turismo mariñeiro inclusivo desenvolta pola empresa  Bluscus e que conta co respaldo da Xunta de Galicia.  


O volanteiro "Piueiro", presidiu a Festa do Peixe Espada

 O alcalde da Guarda, o presidente de  Orpagu e a directora xeral de  Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar participaron no evento, que contou cunha demostración práctica do que significará esta iniciativa nas localidades costeiras de Galicia. Mariñeiros, redeiras e cordeleiros, entre outros profesionais, déronse cita no porto guardés para acompañar aos participantes na estrea deste proxecto, que contou ao longo de toda a xornada con varias saídas ao mar, demostracións de oficios tradicionais e visitas ao Museo do Mar local. 


 Mariñeiros da Guarda participaron na acción de turismo

 E mentres uns navegaban, outros seguían con atención a actuación da banda de música Agrupación Musical de A Guarda, un concerto que xa é un clásico na programación da Festa do Peixe Espada e que logra cada ano o aplauso do público polo seu variado repertorio e o seu acerto á hora de conxugar pezas populares con temas clásicos. 



Vista parcial dos compoñentes da banda de música da Agrupación Musical de A Guarda

 O momento musical foi aproveitado polos cociñeiros e cociñeiras do evento para ultimar as centos de racións de peixe espada que se servirían horas despois aos comensais vindos, na súa maioría, desde distintos puntos da xeografía galega e da veciña Portugal. Estes profesionais recibiron os encomios dos visitantes polo "toque" persoal que lle deron ás numerosas receitas da festa. E aínda que a empanada e o guiso de peixe espada foron as preparacións máis solicitadas, tamén houbo quen preferiu as croquetas, as albóndegas ou o salpicón.   

 Durante a tarde, e en diferentes puntos da vila, sucedéronse as actuacións a cargo de agrupacións como Xamaraina (baile e pandeireta),  Deixa Andar e Coros Cantábile e Arpegios. 

Gañadores do  Campionato Galego de Náutica Adaptada 

 O deporte tamén formou parte da axenda da celebración gastronómica. Onte desenvolveuse a terceira proba do Campionato Galego de Náutica Adaptada, cuxa entrega de premios celebrouse pola tarde en presenza da deputada Olga García e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba. 

 José Barrio  Guldris, con Pilar Sarmiento; José Luis Álvarez, tamén con Pilar Sarmiento, e Óscar Gallego, con Mónica Rodríguez, foron, por esa orde, os tres primeiros clasificados na proba organizada polo Club Deportivo Sen Amarras en colaboración coa Federación Galega de Motonáutica.  


 Parte do equipo Robaleira dispostos a dalo todo

 Hoxe foi a quenda do remo cunha regatilla organizada polo Club de Remo Robaleira, que foi seguida desde o peirao e a praia por un gran número de afeccionados. 

 Xa pola noite tivo lugar a despedida desta edición da festa, a décimo sexta, con comida e música, como non podía ser doutra forma. Para a memoria, dous días nos que o pobo da Guarda, liderado pola Organización de Palangreiros local, volveu darlle o protagonismo que se merece a unha especie da que dependen económicamente centos de familias, tanto da Guarda como doutros puntos de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario