A CIG recorre a Instrución 11-19, de Institucións Penitenciarias, sobre retribucións derivadas de servizos de prolongación de xornada ou en quenda distinta da habitual que corresponda
Ao amparo do disposto no artigo 286.2 do Regulamento Penitenciario, que, por necesidades excepcionais e xustificadas, permite esixir un maior número de horas das establecidas con carácter xeral; o Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias, escudándose nunha negociación inexistente, aprobou unha resolución para retribuír, con complemento de produtividade, servizos realizados en prolongación de xornada ou en quenda distinta da habitual que corresponda.
Entendendo que nin existiu a obrigada negociación, nin que a prolongación de horario en quendas extraordinarias resultan ser excepcionais, nin que o complemento de produtividade sexa o complemento legalmente establecido para retribuír o exceso de xornada; dende a CIG presentamos recurso contra o establecido na devandita instrución.
Ao mesmo tempo queremos denunciar que estas actuacións pretenden agochar o feito de que os cadros de persoal resultan totalmente insuficientes para poder atender o traballo ordinario nas quendas establecidas; substituíndo a necesidade de facer ofertas de emprego para a contratación de persoal de novo ingreso con ampliación de xornadas, de xeito ordinario, do escaso persoal existente. Sen ter en consideración as consecuencia que para a saúde e a integridade física do persoal pode ter a obriga de realizar estas quendas extraordinarias.
Galiza, xullo de 2019
Subsector da CIG-PRISIÓNS
Ningún comentario:
Publicar un comentario