18 de xul. de 2019

OURENSE

'Por un monte galego con futuro' desmente a propaganda montada pola Xunta arredor do Pladiga 

Denuncia a ocupación de terras agrarias por eucaliptais, a falta de prevención e a deslocalización dos efectivos e convoca unha manifestación para o 20 de outubro 

Representantes da plataforma 'Por un monte galego con futuro' desmentiron esta mañá en Ourense a propaganda institucional montada pola Xunta de Galiza arredor do Pladiga (Plan de Prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza 2019) Foto: CIG
 
Infogauda / Ourense

 Representantes da plataforma 'Por un monte galego con futuro' conformada por organizacións ecoloxistas, sindicais e do mundo rural desmentiron esta mañá en Ourense a propaganda institucional montada pola Xunta de Galiza arredor do Pladiga (Plan de Prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza 2019). Denunciaron que “leva 12 anos sen se cumprir” e cualificárono como de “fomento da extinción, fronte a prevención dos lumes forestais”, ao tempo que anunciaron a convocatoria dunha manifestación nacional en Santiago de Compostela o vindeiro 20 de outubro.  

 Para ilustrar a súa denuncia presentaron unha infografía na que se recollen os datos que a Xunta non contempla na súa propaganda e que evidencian o estado no que se atopa realmente o rural e os montes galegos.   

500.000 ha de eucaliptais 

 Así subliñaron que hai xa 500.000 hectáreas de eucaliptais, das que 30.000 están ocupando terras agrarias. Unha especie pirófita que no Plan Forestal que está a revisar a Xunta se pretende promover aínda máis coa ocupación doutras 35.000 ha.  

 Por iso reclamaron, entre outras cuestións, que as administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta “o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático e, que non se use isto como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras”.  

 Xunto a isto demandaron o peche do ciclo produtivo da madeira en Galiza de xeito que -cunha regulación do monte axeitada, que favoreza a biodiversidade, mais permita a explotación forestal ordenada- “se recupere o tecido industrial que se dedicaba aos aproveitamentos forestais, algo que permitiría a recuperación de postos de traballo e a fixación de poboación no rural”.  

 Sobre a mesa puxeron ademais propostas concretas como a demanda dunha moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptuse prohibición na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos); a prohibición das novas plantacións de Eucalyptus nitens e de repoboacións con robinias, acacias, Pawlonia e bambús, e outras especies invasoras e a erradicación destas na RGEP.  

 Ademais reclamaron un programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticas invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús, crocosmias e outro de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.  

 Isto xunto á modificación do “Decreto 163/2014 para a compensación e absorción de dióxido de carbono a través de masas forestais” para excluír as masas de eucalipto e doutras especies exótica invasoras como sumidoiros de carbono; evitar as repoboacións forestais sobre terreos queimados; limitar as quendas de corta a un mínimo de 30 anos e introducir variantes de carácter social e ambiental na valoración dos proxectos.  

 A plataforma denunciou, ademais, as políticas que, desde a Xunta, promoveron o abandono do rural. Políticas que provocaron que nos últimos anos se teñan abandonado até 30.000 explotacións gandeiras, no canto de promover o pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de incendios.  



Cero efectivos facendo labores de prevención todo o ano  

 As/os representantes de “Por un monte galego con futuro” rexeitaron as inxentes cantidades de fondos públicos destinadas á “industria do lume” en Galiza, mentres que hai “cero efectivos facendo labores de prevención todo o ano”.   

 Labores de prevención que a Xunta de Galiza fai recaer sobre os concellos, mentres elude establecer unha planificación e políticas que favorezan realmente esa prevención fronte os incendios forestais como “a creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que permita a multifuncionalidade do monte”.  

 Xunto a isto propuxeron a recuperación dos 100 m de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra os lumes, favorecendo alternativas multifuncionais para estas franxas de seguridade; a xestión da biomasa nas franxas secundarias e terciarias farase con recursos públicos, agás nos casos nos que os/as titulares das vivendas construísen estes inmobles fóra do ordenamento xurídico ou a ruptura das masas monoespecíficas con faixas de separación de 100 m por cada 50 ha de eucaliptos, e de 50 m por cada 50 ha de piñeiros.  

 Tamén demandaron o incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación...; o establecemento dun perímetro de exclusión de 25 m das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos, e nos seguintes 25 metros un marco mínimo de plantación de 6x6 arredor destes elementos.  

Plans de prevención 

 Para a plataforma os plans de prevención de incendios deben elaborarse a nivel de Distrito, facendo os Concellos as adaptacións territoriais necesarias e o Pladiga ten que ser de carácter anual, aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación e establecer obxectivos claros de prevención dos incendios forestais. Para iso, apostan pola creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios.   

 Todas estas demandas e reivindicacións centrarán a manifestación convocada pola plataforma en Santiago o 20 de outubro e que foi anunciada hoxe na rolda de prensa celebrada en Ourense.   

ORGANIZACIÓNS QUE FORMAN PARTE DA PLATAFORMA ´POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO´:  

 Amarelante S. Coop. Galega, Amigos da Terra, A Rente de Chan-PLADEVER, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques "O Ouriol do Anllóns", Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Frouma, Asociación Montes da Galiza – Montegal, Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Colectivo Agrocuir da Ulloa, Confederación Intersindical Galega (CIG), Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (FRUGA), Kunterbunt-Design, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Verdegaia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario